Ceesg solicita ao Goberno galego unha lei autonómica de educación social

No Día Internacional da Educación Social, o Ceesg reclama o “compromiso coas persoas”, tamén dende a administración

Este luns, o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg), presentou unha petición á Xunta de Galicia na que solicita o impulso dunha lei autonómica que regularice a Educación Social en Galicia.

Todos os colexios profesionais de Educación Social do estado levamos meses reivindicando unha lei estatal para esta profesión. Sen abandonar este obxectivo, o Ceesg, de xeito paralelo, inicia agora unha campaña a prol dunha lei autonómica de Educación Social.

Entre os motivos para a creación desta lei está evitar o intrusismo, garantir a profesionalidade e a calidade das intervencións socioeducativas, ou evitar a precariedade laboral.

A nivel autonómico, varios partidos políticos interesáronse pola proposta, e tanto dende En Marea como dende o grupo Socialista presentaron no Parlamento de Galicia unha proposta non de lei para instar ao Goberno galego a elaborar unha lei que regule a profesión de Educación Social.

A nivel estatal esta iniciativa ten acadado xa moitos apoios, non só da cidadanía, senón tamén por parte de institucións, como multitude de concellos, deputacións (Valladolid, Sevilla, Cádiz, Córdoba, León, Almería…), Universidades (de Estremadura, de Valencia, Facultades de Educación da U. de Salamanca, da U. de Palencia, da U. de Vigo…), etc.

Como titulación universitaria, Educación Social nace en 1991, tras unha ampla mobilización social que reivindicou o papel relevante deste perfil profesional en desenvolvemento das políticas sociais e educativas. Esta figura é froito da combinación de diferentes ocupacións, que converxeron nunha identidade profesional única. A súa rápida expansión é o reflexo do carácter dinámico, socializador e de transformación social da figura da Educadora e do Educador Social.

A falta de regularización da profesión de Educación Social fai que non estean claros os límites e o alcance da mesma, tanto nas entidades públicas, coma nas entidades privadas e no terceiro sector. Este descoñecemento implica que con frecuencia se asignen a outras/os profesionais do ámbito social, funcións propias das educadoras e educadores sociais. Estas circunstancias poñen de manifesto a necesidade dunha regulación da profesión da Educación Social como instrumento que visibilice, dignifique e reivindique o seu papel como axente de cambio na nosa sociedade.

Este acto fíxose coincidir nesta data por celebrarse hoxe o Día Internacional da Educación Social, a redor do cal se organizan diversas accións para facer visible o importante papel das e dos profesionais de Educación Social. Este ano leva por lema “Compromiso coas persoas”.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

veinte − 3 =