O educador social lugués Alberto Fernández-Sanmamed recibe unha distinción pola súa traxectoria

Recibirá este recoñecemento nun acto que terá lugar este mércores en Madrid, organizado pola Unión Profesional. Recoñécese así o seu labor divulgativo e o seu compromiso coa profesión de Educación Social

A Unión Profesional organiza este mércores 19 de outubro no Senado, en Madrid, a I Edición de Premios, Medallas e Distincións da súa entidade. Entre as persoas homenaxeadas está o educador social galego Alberto Fernández de Sanmamed Santos, que recibe unha distinción pola súa consolidada e excelente traxectoria profesional, polo labor divulgativo da profesión de Educación Social, e polo seu compromiso coa ética e a deontoloxía profesional.

Alberto Fernández-Sanmamed presidiu a Asociación de Educadoras/es Sociais de Galicia dende 1999 ata a súa disolución coa creación do Ceesg, do que estivo á fronte dende os comezos, en 2001, ata 2007. Como presidente do Ceesg asumiu o encargo de Asedes (Asociación Estatal de Educación Social) de realizar os trámites para a consecución dun Consello Xeral de Colexios de Educación Social (CGCEES), que se acadou no 2007, e do cal asumiu a presidencia ata o 2014. Nese mesmo ano, foi nomeado presidente de Honra do CGCEES. A día de hoxe, continúa colaborando tanto co colexio autonómico coma co Consello Estatal como asesor e en diferentes iniciativas.

A pesar de que a titulación universitaria de Educación Social é relativamente recente (o título aprobouse en 1991 e en Galicia implantouse nas universidades por primeira vez no curso 1994-1995) a vinculación de Alberto Fernández-Sanmamed coa profesión de Educación Social vén de máis atrás, pois é un deses profesionais que fixeron camiño para construír a profesión. Precisamente, a titulación de Educación Social naceu froito da demanda de profesionais como Alberto, que cubrían un espazo socioeducativo con moitas particularidades -para o que non respondía de xeito idóneo ningunha titulación habida ata entón- e que demandaban unha formación especializada, específica e profesionalizadora.

Sen dúbida, un merecido recoñecemento para alguén que leva moitos anos e moitos esforzos dedicados á profesión de Educación Social.

Foto: EDUSO

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

diecisiete + diecisiete =