Crónica dunha inxustiza non reparada

Por Xosé Edrosa Leal (*)

Estanse a cumprir cincuenta anos do éxodo de veciños de Negueira de Muñiz cara á colonización  agraria de A Terra Cha luguesa; outros, en menor número, xa o tiñan feito con anterioridade instalándose  no Sector III de O Matodoso, pertencente a esta mesma obra de transformación agraria, impulsada polo Instituto Nacional de Colonización (INC) a mediados dos anos cincuenta do pasado século. Os veciños que viñeron entre os anos 1967-1968, instaláronse no Sector II de Arneiro e Veiga do Pumar, este último formado na súa totalidade por veciños procedentes daquelas terras da montaña luguesa, confinante co Principado de Asturias; as súas casas son coñecidas polo xentilicio orixinario daqueles lugares.

Naqueles pobos deixaban o que fora ata daquela o seu medio de vida, a súa historia e os seus sentimentos. Algo que non tén prezo, verdade?

Ao pouco tempo de abandonar aquelas terras, algúns lugares foron ocupados por unha comuna hippy. Os seus motivos e filosofía de vida eran ben diferentes aos dos anteriores poboadores.

O pasado 12 de novembro publicaba  o xornal El Progreso unha ampla  reportaxe sobre este feito que xa é historia, pero non por elo deixa de ser interesante para os seus protagonistas que o senten moi preto e, cecais, para a cidadanía en xeral, xa que forma parte dun singular acontecemento histórico dunha época, coas súas luces, tamén con moitas sombras coma en case toda obra humana. As luces son con toda seguridade as do esforzo  e espírito de superación destas nobles xentes, na que o sacrificio e o traballo ben feito foi unha constante das súas vidas. De calquera xeito, o saldo foi positivo.

A seca deste verán quíxonos amosar que o tempo non foi quen de borrar as pegadas daquel feito inxusto; reavivando as  lembranzas e a saudade das familias que se viron abocadas a abandonar os seus fogares e o medio de vida por mor da construción do encoro de Grandas de Salime. Alí estaban os muros das casas aínda ergueitos, a torre do templo parroquial de San Miguel de Barcela, como se estiveran agardando recoñecemento, reparación e xustiza.

Por obvias razóns de veciñanza coñecía a historia que impulsou o traslado deste colectivo á Terra Cha, un coñecemento máis vencellado ao campo anecdótico froito da transmisión oral dos seus protagonistas cá un riguroso análise do que é merecente tal feito. Foi co gallo do libro no que estou a traballar sobre A colonización agraria da Terra Cha, antecedentes e evolución, cando realmente me intereso por este feito, afondando nas súas causas, pois tiña proxectado introducir soamente unha referencia no marco xeral da orixe dos colonos que poboaron esta zona regable, declarada no seu día de interese nacional. Nembargantes, cando me vou introducindo nas pescudas daquel acontecemento, considero necesario adicarlle un capítulo aparte, pois a súa historia é dabondo reveladora para deixar constancia documental deste suceso.

Como é sabido, a decisión do traslado masivo destes veciños á Terra Cha, foi motivada polas condicións inhumanas ás que se viron sometidos como consecuencia directa da construción do encoro de Grandas de Salime, do que foron promotoras as sociedades mercantís Hidroeléctrica del Cantábrico, S.A. e Eléctrica del Viesgo, S.A., mancomunadas en “ Saltos del Navia”, o cal destruiu o acceso rodado a aqueles pobos, deixándoos abandonados da man de deus. A máis que xustificada reivindicación dunha ponte que resolvera tal situación, constituiuse en causa común de todos os afectados, reivindicación que en ningún momento foi atendida tanto pola sociedade promotora como polas autoridades dunha Administración xorda, cega e insensible, alegando como única razón o custo económico que suporía para o erario público a construción de tal acceso, obrigándoos de tal xeito ao  traslado forzoso daquela poboación, mais sen recoñecerlles os dereitos que conlevaba tal feito. A maior abondamento, a mala fe da promotora quedou patente,ademais, no feito de ser unha industria  adicada á produción de enerxía eléctrica, e que nin tan sequera foi quen de dotar a estes pobos deste servizo,  do cal  carecían.

 Os danos morais e materiais nunca lles foron recoñecidos na súa xusta medida a estas xentes,  pois soamente se lles indemnizou a parte que afectou á ocupación material dos bens a cada veciño no que concorría tal dereito, deixando fóra de tal consideración os bens  públicos e os danos e perxuízos sociais que afectaban a toda a veciñanza, que eran incluso moi superiores á propia ocupación individual, xa que lles cerceaba a posibilidade de desenvolver unha vida digna.

 A ocupación material dos bens e dereitos directamente afectados non se fixo ao abeiro dun procedemento legalmente establecido, coas garantías necesarias e imprescindibles para a adecuada protección dos dereitos dos afectados. Fíxose, pois, baixo o simulacro de acordos individuais negociados, nos que a lamentable intervención dos alcaldes foi decisiva, non para defender os dereitos dos veciños e os bens públicos afectados ,senón para convencelos de que debían aceptar as condicións impostas pola sociedade promotora. E así se consumou aquel latrocinio.

Os cincuenta anos transcurridos non foi tempo dabondo para que os veciños e veciñas que aínda viven non se esquecesen daquel malfeito dos alcaldes de Negueira de Muñiz e de Grandas de Salime,  non precisamente como persoas de feliz lembranza. A súa carraxe  salta á flor de pel cando lles falas deste asunto. Outros máis resignados, consólanse expresando que eran outros tempos. E tanto que eran outros tempos! Mais iso non quita para considerar que o que alí sucedeu foi un acto violento perpetrado sobre o modo de vida dunhas xentes que vivian e traballaban pacíficamente naqueles lugares, eliminándolles toda posibilidade de seguir facéndoo de xeito normal segundo o uso e costume transmitido de pais a fillos; violento porque  expón ao perigo das augas do encoro a todas as persoas, anciáns e nenos, incluso os seus bens, en todos os actos e actividades que requerían o desprazamento daqueles lugares, feito ao que cómpre engadirlle o grao de coacción a que foron sometidos para forzar aquel simulacro de mutuo acordo, acto no que, obviamente, non concorría ningún tipo de reciprocidade entre as partes, producíndose de tal xeito un consentimento claramente viciado, que é outra maneira máis sutil de exercer a violencia.

Ante tal atropelo, cómpre situarnos no marco lexislativo vixente en materia de expropiación forzosa no ano 1945, data do comezo deste proxecto, rematado no ano 1953. En materia de  expropiación forzosa, rexía a Lei de 7 de outubro de 1939, unha norma parca  e improvisada polas circunstancias excepcionais derivadas da guerra civil recentemente rematada, na que primaban as razóns de urxencia  para a reconstrución da desfeita deixada polo atroz e irracional acontecemento bélico sobre os dereitos dos afectados. Por outra banda, a industria hidroeléctrica liderada por unha oligarquía entre a que figuraba de xeito salientable a familia Oriol y Urquijo, con interese directo neste proxecto, á que había que pagar os favores pola súa adhesión ao golpe militar de 1936,  feitos que constituían un inexorable   motivo de prevalencia sobre os dereitos que  puideran asitirlles aos cidandáns normais.

O que se fixo con aqueles pobos e as súas xentes, foi, ademais,  un claro abuso de dereito, o que nunca se acreditou e, moito menos, recoñeceu, quedando, coma moitos outros impune, e a sociedade promotora liberada do importe que suporía a restitución da ponte da que se viron privados estes pobos. O abuso de dereito non é un concepto abstracto ou indeterminado na época en que se producen  estes feitos, é pois unha figura xurídica, a que en palabras de Hernández Gil xa estaba recoñecida “ En el propio derecho romano, aunque de modo indirecto, está presente la idea de que la atribución de un derecho no trae como secuela la libertad omnímoda de su ejercicio “  . O cal quere dicir que unha actuación abusiva no exercio dun  dereito, implica unha trasgresión do ordenamento xurídico, caso inequívoco cometido cos veciños e veciñas Negueira de Muñiz. Foi precisamente o 14 de febrero de 1944 cando a Sá primeira do Tribunal Supremo dita unha Senteza que senta xurisprudencia, establecendo as bases doutrinais con sucinta claridade do que se entende por abuso do dereito. Mágoa que non se aplicara aos veciños de Negueira de Muñiz!

A loita reivindicativa para conquerir a ansiada ponte que os sacara do illamento no que quedaron sometidas aquelas xentes foi dura, como duras eran as condicións de vida nas que se viron inmersos. Pero estes veciños e veciñas, xente agradecida, malia ao tempo transcurrido, non se esquecen das persoas que lles axudaron naquel difícil trance das súas vidas, feito polo que axiña saen os nomes de dona Alicia Casanova Cordido, mestra da escola unitaria de Vilar. Esta docente, natural de Stª María Alta (Lugo), chega a esta zona no curso 1963/64, permanecendo nesta escola ata que se suprime como consecuencia do traslado da poboación en 1968. Dona Alicia era unha muller con carácter e enimiga das inxustizas, dito pola xente que a coñeceu, condición que confirma a súa filla máis nova quen leva o seu mesmo nome. Cando chegou a Vilar xa viña forxada polas duras condicións do seu anterior destino, a aldea asturiana de Berodia de Cabrales, situada na cara Oeste  do “Naranjo de Bulnes”, á entrada do Parque Nacional dos Picos de Europa. Un pobo no que as portas das casas quedaban abertas pola noite para que os fuxidos por mor da Guerra Civil, baixaran das montañas a alimentarse e facer acopio do máis imprescindible para as súas necesidades. Esta mestra, despois do seu horario escolar, daba clase gratuitamente aos maiores que carecían de formación académica, algo bastante frecuente naqueles tempos. Segundo conta a súa filla, entre aqueles alumnos algún pertencía aos fuxidos, feito que constituía unha grande preocupación para a Garda Civil, sometendo á mestra a intensos interrogatorios para o esclarecemento de tal feito, pretensión á que nunca sucumbiu, pois tiña experiencia dabondo de como tratar coa benemérita, por ser filla do corpo.

Con esta bagaxe chega a Vilar, e alí atópase con outra inxustiza non menor.  Neste lugar, esta mestra segue a exercer o mesmo labor de compromiso coa cidadanía que  no anterior destino, prestándolles asesoramento e apoio nas súas reivindicacións ante as autoridades educativas e doutras administracións.

Neste mesmo senso sae tamén o nome do xove e inquedo crego, don Ramón, como así era coñecido e tratado. Chega a aquelas inhóspitas terras nos albores do 1966 para facerse cargo da parroquia de San Pedro de Ernes, parroquia na que o seu templo e cimeterio quedaran mergullados baixo as augas do encoro. O intenso labor deste crego foi decisivo para que as autoridades accederán  a falar cos veciños sobre a súa problemática;  froito das súas xestións prodúcese a visita do Gobernador Civil a Negueira, cargo que ostentaba don Eduardo del Río Iglesias, ao que acompañaban o presidente da Deputación Provincial de Lugo, don José de la Torre Moreiras, así como o inxeñeiro-xefe da zona de colonización, don José Escribano Blesa.

A visita destas autoridades era agardada con moito interese polos veciños e veciñas  daqueles lugares. O punto de embarque para cruzar o encoro foi por Entralgo; e para arribar á terra, o barqueiro seguindo as instrucións dos organizadores daquel evento elixiu un punto polo que non fora moi doado acceder a terra firme, pois tiñan gran interese en que as autoridades tomaran conciencia  das dificultades que supoñía vivir naquelas condicións. E vaia se a tomarón! Pois algún dos visitantes despois de ambarruñar o relucente calzado, máis dunha vez tivo que topar cos xeonllos no cha

Aquela visita foi unha decepción máis para aquelas xentes, cuxa única pretensión era que lles construiran unha ponte, asunto do que as autoridades alí presentes nin tan sequera querían mentar, senón disuadilos de tal pretensión, propoñéndolles como solución o seu traslado á Terra Cha, ofrecéndolles un autobús para visitar as obras da colonización agraria, feito que se produxo nos seguintes días.

Vista a composición daquela comitiva e o resultado final da xuntanza, todo semella indicar que  o plan alí exposto polas autoridades estaba previamente pactado, non precisamente cos veciños que o único que querían era que lles fixeran unha ponte, senón a outras instancias que apuntaban unha solución máis radical.

Como xa se tén sinalado, resulta obvio afirmar que a construción do encoro foi a causa directa que deu lugar ao traslado forzoso da poboación dos lugares afectados por esta obra, aínda que soslaiando os correspondentes dereitos de compensación que conlevaba tal feito,  dereitos que deberían ser aplicados nos novos patrimonios que se lles adxudicou na zona regable da Terra Cha, incluso poderían chegara ser totalmente gratis, xa que existía base fáctica e xurídica aplicable, expresada no artigo 86 da Lei de Expropiación Forzosa do 16 de decembro de 1954, así como no Decreto que desenvolve este precepto legal, do 21 de xaneiro de 1955, sobre traslado a fincas do INC a familias campesiñas afectadas pola expropiación de todas ou gran parte das dun municipo ou entidade local menor. Sobre este teor, cómpre sinalar que moitas daquelas familias non se viron  materialmente afectadas pola contrución do encoro, mais  sí nos danos e perxuízos que supuxo a implantación desta obra, feito que recoñecía expresamente a indicada Lei. Sen embargo, os patrimonios que lles foron entregados a estas familias na Terra Cha, o INC fíxoo nas mesmas condicións que a calquera outro adxudicatario no que non concurría esta excepcional circunstancia. Mágoa que aquelas familias non tiveran o asesoramento e apoio necesarios para a defensa dos seus intereses! Unha débeda histórica non reparada.

*Presidente do Ateneo Galeguista da Terra Cha.

Foto portada: Iglesia de Barcela

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

uno × 2 =