Manuel Baltar visita a estación de Manzaneda, que pon en funcionamento os primeiros canóns de neve

O presidente da Deputación afirma que o sistema de innivación “suporá un antes e un despois na estación de montaña”, e destaca “a firme aposta da Deputación de Ourense, da man da Xunta de Galicia, por modernizar esta infraestrutura de deporte e natureza, singular no noroeste da Península Ibérica”

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou este venres Cabeza de Manzaneda para comprobar o funcionamento dos primeiros canóns de produción de neve instalados na estación de montaña. Manuel Baltar, acompañado da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e do director de Oca Nova Manzaneda, Gustavo Sanmartín, asistiron á posta en funcionamento dos canóns de innovación, tecnoloxía aplicada á produción de neve que é consecuencia da aposta pola modernización de equipamentos realizada polo consello de administración de MEISA, integrado pola Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia.

O presidente do goberno provincial considera que o sistema de innivación “suporá un antes e un despois na estación de montaña de Cabeza de Manzaneda, unha infraestrutura deportiva na que se traballa tamén pola desestacionalización para diversificar a súa oferta de ocio e natureza, ademais de nos meses de inverno, ao longo de todo o ano”. Baltar considera que a “firme aposta da Deputación de Ourense, da man da Xunta de Galicia, por modernizar esta infraestrutura, singular no noroeste da Península Ibérica contribuirá a atraer maior competitividade para Manzaneda, Trives e toda esta contorna da provincia, favorecendo un tipo de turismo de calidade ao redor da natureza e o deporte”.

Os primeiros canóns de neve están instalados na zona superior do complexo de Cabeza de Manzaneda, área destinada a esquiadores que se inician neste deporte, visitantes e cursos de esquí. A estación de montaña ten abertas as súas instalacións para a práctica do esquí, incluídos os remontes, con espesores de neve en pó de entre 10 e 25 centímetros, 11,3 quilómetros esquiables e un total de 19 pistas abertas.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

diez − 4 =