O BNG pregunta pola cancelación de diversos partidos de competición oficial co campo municipal da Leyma provocados pola falta de iluminación

O Bloque avanza que incluirá na emenda aos orzamentos unha partida de investimentos para a reparación e, no seu caso, mellora na dotación das infraestruturas de iluminarias da instalación municipal

O BNG preguntará á Concellaría de Culturas e Deportes sobre as causas da suspensión de diversos partidos de competición oficial co campo municipal da Leyma provocados pola falta de iluminación.

E é que as nacionalistas tiveron coñecemento de que na pasada fin de semana tivo que ser suspendida a competición de sendos partidos oficiais, entre o Ural C.F. B e o R.C. Deportivo B da Liga Galega Cadete, e o Liceo de Monelos S.D. e O Club Deportivo Cristal, da categoría Terceira Rexional da liga absoluta, que tiñan previsto disputarse no campo municipal de fútbol Víctor Fernández Alonso, antiga Leyma, ao considerar a arbitraxe designada para estes encontros que a iluminación proxectada polas iluminarias non era suficiente para a disputa da competición en condicións adecuadas.

Deste xeito, o Bloque denuncia que non é a primeira vez que isto acontece nesta instalación municipal, sendo recorrentes os problemas cos focos, e advirten que “as queixas que se nos achegan desde distintas entidades, ademais de se amosar en numerosas ocasións publicamente a través das redes sociais, son habituais, xa que ao defectuoso mantemento das iluminarias, necesarias para unha correcta visión para a disputa dos partidos, hai que sumar problemas de potencia, segundo nos teñen comentado usuarios das instalacións”.

Finalmente, desde a formación nacionalista xa avanzan que na emenda aos orzamentos, que teñen previsto presentar, incluirán unha partida de investimentos para a reparación e, no seu caso, mellora na dotación das infraestruturas de iluminarias desta instalación municipal.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

dos × cuatro =