O SLG denuncia ante Belén do Campo as prácticas abusivas de Facenda nas axudas de incorporación e na transmisión de granxas

O Sindicato Labrego Galego mantivo hoxe, 11 de xaneiro, un encontro de traballo coa directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Xunta, Belén do Campo, no que se denunciaron as prácticas abusivas da Axencia Tributaria ao gravar as axudas de incorporación de xente moza á actividade agraria ou o traspaso de granxas entre familiares. Por parte da organización agraria asistiron ao encontro Conchi Docampo e María Ferreiro, ambas integrantes da Executiva do SLG.

Esta xuntanza prodúcese despois de que, o pasado 11 de novembro, o Sindicato Labrego realizase unha concentración de protesta diante da sede da Consellaría de Medio Rural e solicitase formalmente unha reunión para tratar esta problemática.

Como xa ten denunciado o SLG noutros encontros co director da Área de Agricultura da Delegación do Goberno en Galiza, José Álvarez Robledo, ou coa delegada especial de Facenda, Imelda Capote, a Axencia Tributaria está a cobrar fortes impostos en casos nos que non debería sequera aplicalos. Por exemplo, cando se traspasa unha granxa aos fillos ou fillas, a Axencia Tributaria considera que os dereitos de pagamento básico da Política Agraria Común (PAC) que van aparellados á explotación son unha ganancia patrimonial, como se fose unha operación de compravenda, polo que lle aplican unha taxa impositiva superior ao 15% sobre o suposto valor deses dereitos. Rizando o rizo, isto tamén acontece entre cónxuxes en réxime de gananciais cando un deles se dá de alta como titular dunha granxa da que, en teoría, xa tiña o 50% da propiedade.

Outro problema que denunciamos ante Belén do Campo foi o da excesiva fiscalidade que a Axencia Tributaria imputa ás primas de incorporación -os impostos poden chegar a un terzo do importe da axuda- e a enorme carga burocrática que supoñen. Coñecemos casos concretos de mozos e mozas a quen se lles concedeu unha prima de incorporación de 22.000 € que, ao ser considerada ganancia patrimonial, tivo que tributar entre 5.000 e 6.000 €. A isto, engádese o agravante de que Facenda cóbrache eses impostos no ano da concesión, cando o ingreso efectivo da prima é no seguinte ano.

Unha das cuestións sobre a que incidiron as representantes do SLG no seu encontro con Belén do Campo, é que esta fiscalización excesiva estase aplicando a axudas concedidas no ano 2015. En anos posteriores, o importe das axudas de incorporación incrementouse considerablemente, polo que os cartos a pagar polas subvencións concedidas a partir de 2016 poden dispararse e ocasionar problemas de liquidez insalvables para os mozos e mozas que as recibiron.

Por parte da Consellaría de Medio Rural, comunicáronnos que xa lle transmitiron esta problemática á Axencia Tributaria, Ministerio de Agricultura e Delegación do Goberno; pero, dende o SLG, insistimos que é necesario dar un paso máis á hora de implicarse e incluír esta problemática na axenda de traballo coas institucións centrais para tratar de resolvelo de maneira inmediata. Hai que ter en conta que, agora mesmo, é necesario buscar solucións concretas e urxentes para ducias de mozos e mozas están a facer fronte a estes impostos abusivos, agravados por multas e sancións, e mesmo con casos que xa levaron a Facenda diante dos tribunais; ao tempo que teñen que responder ás obrigas dos investimentos realizados nas súas granxas.

Dende o Sindicato Labrego Galego levamos anos denunciando esta fiscalidade inxustificable que atenta contra o espírito de apoiar e incentivar a incorporación de xente nova á profesión agraria. Precisamente, os primeiros pasos nunha explotación agrogandeira supoñen, decotío, ter que acometer gastos extraordinarios para garantir uns determinados ingresos a medio e longo prazo, e neses primeiros meses ou anos de actividade é de vital importancia ter unha mínima liquidez garantida. Pero, a pesares de telo explicado e denunciando diante de responsables da Axencia Tributaria, do Ministerio de Agricultura e da Consellaría de Medio Rural, segue sen facerse nada ao respecto.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

1 × cinco =