Brais Canosa e Melina Alonso, gañadores do Dúatlon Cidade de Lugo

Esta foi a primeira proba do Circuíto Galego de Dúatlon de Estrada  

Brais Canosa (Arcade Inforhouse) e Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) proclamáronse hoxe vencedores do XXVIII Dúatlon Cidade de Lugo, que é ademais a primeira proba do Circuíto Galego de Dúatlon de Estrada 2018. O Dúatlon Cidade de Lugo recibe o nome de “Memorial Alejandro López” en homenaxe ao ex directivo da Federación Galega de Tríatlon.

A proba masculina foi moi apertada con varios duatletas loitando polas primeiras posicións. Brais Canosa (Arcade Inforhouse) foi o máis rápido no primeiro segmento, pero o certo foi que eran distancia curtas e todo tivo que decidirse no último sector de carreira a pe. Brais Canosa logrou o triunfo cun tempo final de 59:36, mentres que Brais Misa (Atletismo Porriño) logrou a segunda posición (59:57), despois de ser o máis rápido nestes 2,5 quilómetros de carreira a pe finais. O terceiro posto no caixón foi para Iván Puentes (Tríatlon Ferrol) cun tempo de 1:00:13.

Na categoría feminina repetiu triunfo a vencedora da edición de 2017, Melina Alonso (Tríatlon Ferrol), que foi moi superior ás súas rivais, logrando o mellor tempo nos tres segmentos. Así chegou a meta na primeira posición cun tempo de 01:10:01. O segundo posto foi para Marina González (Tri-Penta Terras de Lugo) cunha actuación moi regular (01:12:01) e terceira foi María Jesús Coya (Cidade de Lugo Fluvial), tamén tremendamente regular (01:12:57).

Os vencedores doutras categorías foron:

Cadete: Esteban Basanta (Cidade de Lugo Fluvial) e Myrian López (Cidade de Lugo Fluvial) Júnior: Iván Puentes (Tríatlon Ferrol) Sub 23: Miguel Pimentel (Ourense Atletismo) e Ana María Santiso (Náutico de Narón) Veterán 1: Miguel Daporta (Olímpico de Vedra) e María Jesús  Coya (Cidade de Lugo Fluvial). Veterán 2: José Manuel Álvarez (Tríatlon Muralla de Lugo) e Belén Lemat (Cidade de Lugo Fluvial) Clubs: Cidade de Lugo (masculino) e Náutico de Narón (feminino).

A proba celebrouse sobre a distancia sprint (5 quilómetros a pe, 20 quilómetros en bicicleta e 2,5 de carreira a pe) e tivo como punto de saída, transición e chegada o Pazo de Congresos.

O Circuíto Galego de Dúatlon de Estrada 2018 conta con 4 probas (Cidade de Lugo, Cidade de Santiago, Concello de Riveira e Cidade de Vigo), que son clasificatorias para o Campionato Galego, que se celebrará en Narón o 14 de abril. Clasificaranse en cada unha delas 22 deportistas segundo as condicións aprobadas no Regulamento de Competicións FEGATRI 2018.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

cuatro × 3 =