O Camiño Portugués contará cun investimento de máis de 1,7 millóns de euros para traballos de mellora e sinalización

 

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada polos delegados territoriais da Xunta na Coruña e en Vigo, Ovidio Rodeiro e Ignacio López-Chaves, presentou o proxecto de actuacións previstas para este ano no Camiño Portugués aos representantes dos concellos polos que discorre este itinerario xacobeo que entra en Galicia por Tui e percorre outros 17 municipios das provincias de Pontevedra e da Coruña.

O proxecto para esta ruta conta cun investimento superior aos 1,7 millóns euros, que se destinarán a revitalizar, promover e poñer en valor esta ruta xacobea cumprindo así o cronograma previsto polo Plan director do Camiño de Santiago, que avanza en oito liñas estratéxicas simultáneas desde hai máis de dous anos coa vista posta na celebración do Xacobeo 2021.

Ao abeiro deste plan, Turismo de Galicia centra os seus investimentos en diferentes rutas cada ano. Así, e tras ter actuado xa en cinco delas, o Camiño Francés, o Camiño do Norte, o Camiño Primitivo, o Camiño Inglés e o Camiño de Fisterra Muxía -no que se están a executar varios traballos-, Turismo de Galicia dedica este ano ao Camiño Portugués e ao Camiño Portugués da Costa. Nos próximos anos seguirá o mesmo protocolo co resto de itinerarios oficiais existentes para contribuír á súa dinamización.

2,5 millóns en ambos itinerarios

Esta xuntanza serviu para explicar as características dos traballos que se levarán a cabo e cada un dos termos municipais e Turismo de Galicia púxose a disposición de calquera aclaración dos concellos implicados. Esta reunión súmase á celebrada a semana pasada en Vigo con representantes de municipios polos que atravesa o Camiño Portugués da Costa, cuxo proxecto de melloras e sinalización supera, nese caso, os 700.000 euros.

En conxunto, o investimento este ano no Camiño Portugués e o Camiño Portugués da Costa acada os 2,5 millóns de euros, ao que se engade o disposto para outras iniciativas tanto de dinamización sociocultural como de promoción e divulgación entre os máis novos.  Estes traballos suporán un impulso aos concellos polos que atravesan estes itinerarios, que no pasado ano, en conxunto superaron os 66.000 camiñantes, cun incremento de preto do 28% en relación ao ano 2016.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

cuatro × dos =