Manifesto de Esquerda Unida en conmemoración da proclamación da II República e de cara a construción da Terceira.

Berrámolo ben alto: o marco político actual do estado español só pode rexenerarse coa construción da III República.

E cremos firmemente que para propicialo precisamos previamente dun proceso amplo de consensos no que ten que actuar toda a esquerda política organizada sobre os parámetros de federalismo, socialismo, solidariedade e recoñecemento do lexítimo dereito a decidir dos pobos, sen ambaxes.

Porque o marco actual que queremos tronzar é consecuencia dunha deriva actitudinal e discursiva que favorece a esta monarquía caduca e corrupta, dun modelo territorial pechado en falso, da herdanza dun capitalismo monopolista de estado e oligárquico que obviamente dificulta eses necesarios traballos que require a construción da Terceira República.

Sen eses traballos, sen eses alicerces, nada será posible. A República ten que construírse todos os días a través de accións políticas concretas. E debe facerse desde a esquerda. A loita pola chegada da Terceira República debe ser un dos alicerces ideolóxicos fundamentais do traballo político cotián. Se renunciamos a este campo ideolóxico de batalla, todo será máis difícil. E será un proceso longo e complexo, no que debe figurar de forma clara e concreta unprograma político, explicitando as formas e os tempos do novo proceso constituínte. Porque a República é algo máis que a elección do xefe do Estado.

Cómpre actuar para desfacer as mentiras e renuncias que impuxeron os pactos de silencio, de esquecemento da idealizada transición. Cómpre actuar para convencer de que debemos derrgar a Lei de Amnistía, unha lei que sitúa en rango de igualdade aos verdugos e ás vítimas. Algo impensable nunha verdadeira democracia. Unha lei que permite a impunidade e ampara o  negacionismo do xenocidio franquista. Cómpre actuar para devolver a dignidade aos milleiros de persoas que aínda hoxe reclaman e reivindican que rachemos e denunciemos esa política de silencio e esquecemento. Non se debería ter aceptado que a suposta e falaz reconciliación se realizase sen xustiza e reparación para as vítimas de 40 anos de Ditadura. Sen que os vitimarios asumisen as súas responsabilidades.

Cómpre actuar para persuadir coa forza dos argumentos e da pedagoxía a toda esa masa da sociedade resignada que defende o pasado franquista, sen cuestionarse o tipo de Democracia que herdamos, de que así non se pode crear futuro. Temos que facerlles ver que os perpetradores, os verdugos e os executores que se apoderaron, de forma egoísta, clientelar e antidemocrática, das institucións básicas para o exercicio dunha Boa Democracia. Non só o fixeron obrigándonos a vivir baixo unha Monarquía, senón que adoraron ao becerro do diñeiro e do mercado capitalista e foron eles os que nos mergullaron na crise-estafa.

Por iso, vivimos nunha democracia feble, degradada, atada polo conservadurismo e o clericalismo. Por iso, aínda hoxe, asistimos a expresivas demostracións de posta en valor do pasado franquista, un pasado ilexítimo e que debera ser ilegalizado, con todas as consecuencias. Cómpre actuar recoñecendo os erros do noso pasado republicano para superalos cos acertos que tivemos e proxectarnos no horizonte mediante un presente republicano.

Cómpre recuperarmos os discursos e palabras emancipadoras. A República é unha Utopía. Temos unha tradición antifascista e unha cultura democrática no noso bagaxe e que foron quen de resistir e animar a loita pola liberdade e a defensa dos dereitos da clase traballadora.

A nosa Utopía chámase Terceira República. Esquerda Unida aposta incuestionablemente por construír unha base social ampla, hexemónica, que sosteña unha mudanza radical nas institucións públicas para termos unha democracia plena, onde a toma de decisións e a participación sexan reais. Unha República que remate coa alienación e a explotación que impón o capitalismo.

Unha República limpa e democrática, asentada na igualdade entre todas as persoas e pobos e que abranga nun mesmo obxectivo común de convivencia as demandas feministas, as reclamacións da clase traballadora, a defensa do medioambiente e a terra, a defensa do dereito a decidilo todo, a xeneración de novos consensos políticos e de configuración do estado e as reivindicacións de liberdade civil.

14 de abril de 2018

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

cinco × uno =