Revista do Fútbol Feminino Galego – Número 55 (abril, 2018)

Estamos nun mes convulso, nun estado no que xa parece que nin as universidades se salvan. Ás veces me pregunto, cando a historia xulgue á nosa xeración, esa que naceu á sombra do maio do 68, e as seguintes, se imos chegar ao apto.
Baixado uns chanzos no plano educativo, desde a recuperación da democracia en España, cada quen que chegou ao goberno quixo deixar a súa pegada en forma de reforma. A educación é fundamental. Iso ninguén o discute e aínda que, infelizmente, a política se mide a curto prazo, a educación, a boa e a mala, condicionará o xeito de ser da sociedade. A formación tamén é a iniciación necesaria ao coñecemento, desde o momento que comeza a nosa socialización, nunha gardería ou na escola primaria. É outro dos
compromisos que deben asumir as xeracións maiores coas que veñen. Acontece en todos os eidos, tamén no fútbol. Desde hai algunhas temporadas hai varios clubs que entenderon a necesidade de crear escolas. Son escolas que cada vez teñen conceptos educativos futbolísticos máis claros, que asumen filosofías non regulamentadas en cuestión de coñecemento, porque non existe un cadro curricular, nin unha disciplina
escolar ou unha facultade universitaria que se chame fútbol, pero que ensinan a xogar e permiten aflorar o saber futbolístico innato de cada rapaza. Visitamos
unha delas, a da S. Cult. D. Pastoriza.
Falando de coñecemento, algunha vez criticamos os “agasallos” a persoas que non demostraran nada para recibilos, ás veces non porque non tiveran capacidade, senón porque non tiñan tempo para demostrala.
Tampouco entendemos que a condición de muller sexa a única válida para outorgar un cargo. Cremos na equiparación, pero sobre todo no coñecemento. Hai mulleres para ocupar cargos especializados no fútbol se facemos o esforzo de atopalas. Unha delas, Susú
Cores, é das poucas que dirixiron equipos feminino sénior na historia do fútbol galego. Pola súa condición, unido ao éxito do ascenso a Primeira Galega dirixindo ao Ural, podería ser un referente feminino nun estamento tan necesitado de mulleres como o dos técnicos. Por razóns alleas á súa conquista, e logo de comezar a preparar a nova temporada co Orzán S.D., novo nome do Ural, convidóuselle a saír. Unha pena!
Malia todo, Susú Cores continuará coa sagrada responsabilidade de educar futbolisticamente ás mellores galegas sub’12, cando menos nun máster anual de non máis de dez treinos e un torneo lóstrego no que non se compatibilizan disciplinas para cumprimentar o cento por cento dos créditos.
Carlos Castro

Revista FF. Abril 2018

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

diecisiete − siete =