A Casa–Museo Emilia Pardo Bazán celebra o Día Internacional dos Museos ata a medianoite

A Casa–Museo Emilia Pardo Bazán (rúa Tabernas, 11 – A Coruña) abrirá este venres as portas ata a medianoite co gallo do Día Internacional dos Museos. O público poderá participar nunha serie de actividades especiais, das 18 ás 24 horas, que abranguen diferentes artes e mergullarse na atmosfera do fogar da escritora na Coruña de finais do século XIX, que permanecerá na penumbra para ofrecer unha nova maneira de se achegar a un espazo museístico. A entrada é libre ata completar capacidade.

A programación especial arrincará ás seis da tarde cunha proposta pensada para os pequenos e pequenas da casa, o obradoiro de descubrimentos “Tic Tac Cluedo. Onde están as mulleres no Museo?”, conducido por Neves Seara e concibido para nenos e nenas de 6 a 12 anos.

Unha vez conclúa o horario infantil, ás 19 horas o Conservatorio Profesional de Danza da Deputación da Coruña interpretará “Instantes”, baile contemporáneo con coreografía de Armando Martén. Tamén a partir das 19 horas e ata a medianoite, proxectarase “A inquietude das cousas”, unha intervención audiovisual da artista arxentina Romina Casile baseada na extracción de sons de elementos da esfera doméstica.

A Casa–Museo Emilia Pardo Bazán tamén lles dará cabida ás artes escénicas, en forma de microteatro e da man de Casa Hamlet. Baixo a dirección de Santiago Fernández, a partir das 20 horas e en quendas de 15 minutos, ofrecerá ata as 24 horas distintas representacións dramatizadas.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

2 + dos =