A Xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria obstaculiza o acceso á información pública da mina de Touro

 

Máis de 30 colectivos de Galicia entre os que se encontra a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, a Cofradía de Pescadores San Xulián da Illa de Arousa, a de Rianxo, a do Grove, a da Pobra do Caramiñal, Cambados, Vilanova de Arousa , Cabo de Cruz e cofradías de produtores de mexillón como a de Cambados e o Consello Regulador de Galicia, Adega, Petón do Lobo, a Federación rural Galega e un longo etcétera , solicitaron no seu momento á Xefatura territorial da Coruña da Consellería de Industria o acceso á documentación relativa aos dereitos mineiros de Touro.

O 25 de agosto de 2017 a Xefatura Territorial da Coruña, sometía a información pública a actualización do proxecto de explotación, plan de restauración e estudo de impacto ambiental da concesión de explotación San Rafael número 2946, sita nos concellos de Touro e O Pino (A Coruña), promovido pola sociedade Cobre San Rafael, S.L.; sen embargo, entre a documentación anterior non figuraba ningunha relativa á vixencia e acreditación do estado do citado dereito mineiro.  A omisión no expediente que se sometía a información pública desta información tan relevante e esencial, sobre da situación xurídica do dereito mineiro, orixinou centos de solicitudes de acceso a tal información.

O que debería ser obxecto de información pública no seu momento procedimental oportuno, non o foi, para así lexitimar a aplicación de medidas provisionais e excepcionais no seu acceso, que por enriba estarían condicionadas a que Cobre San Rafael S.L. dera o seu visto e prace; feito que a meirande parte dos colectivos dubidan se vaia a realizar, tendo en conta a delicada situación na que está o dereito mineiro, xa que existe base xurídica dabondo para poñer en dúbida a súa vixencia, posto que de facto non existiría, de aí que a Xunta de Galicia fale da “actualización do proxecto de explotación” e non dun simple proxecto de explotación.

Por outra banda, dado que se trata de acceder a documentación histórica, recoñecido tal carácter polo propio Isidoro Martínez Arca, non habería incompatiblidade algunha co dereito de acceso polo público en xeral, xa que a propia Lei de Protección de Datos recoñece a compatibilidade dos datos históricos co dereito de acceso á información. Pero como sempre, a tramitación dos dereitos mineiros por parte da Dirección Xeral de Enerxía e Minas semella tan espúrea, que diversos coletivos pensan que a falla de transparencia e as limitacións e condicionantes no acceso só se deban aos propios teces e manexes do propio Bernardo Tahoces.

O Xefe territorial da Coruña, Isidoro Martínez Arca, supedita o acceso á información das persoas lexitimadas durante un prazo limitado a 15 días e de forma presencial, baixo a supervisión de dos funcionarios e condiciona o acceso ao visto e bó do titular dos dereitos mineiros, isto é Atalaya Mining e Explotaciones Gallegas. Así estaría obstaculizando o acceso á información sobre dunha documentación que xa debera estar a exposición do público no propio trámite de información pública incoado o 25 de agosto do ano pasado, e con respecto á cal, existe o dereito de acceso en liña a través da sede electrónica da Administración, recoñecido pola propia Lei 39/2015, de 1 de outubro.

Esta obscuridade na tramitación administrativa non sairá en balde á propia Xunta de Galicia, posto que varios colectivos xa ameazaron con tomar medidas xudiciais fronte o departamento que dirixe Francisco Conde polo seu desatino no cumprimento da normativa vixente e na garantía dos dereitos das persoas administradas.

RESOLUCIÓN DELEGACIÓN TERRITORIAL DE MINAS DA CORUÑA SOBRE O ACCESO Á INFORMACIÓN (1)

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

catorce − 13 =