Feijóo destaca “a formación especializada e a rehabilitación como claves para afrontar os retos futuros do sector”

O pasado ano, máis de 1300 traballadores beneficiáronse da oferta formativa, que en colaboración coa Xunta, impulsou a Fundación Laboral da Construción

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a rehabilitación e a formación especializada para estar á vangarda das novas tecnoloxías, dos novos materiais e dos procesos construtivos, como elementos clave para afrontar os retos futuros do sector.

Durante a inauguración do Centro de Formación da Fundación Laboral da Construción en Vilamarín, Feijóo incidiu en que a formación é un investimento que redunda sempre nos mellores beneficios; unha elección que permite tanto ás empresas como aos seus traballadores afrontar con éxito os retos.

“Estamos a falar da formación como ferramenta para conseguir un sector máis profesional e competitivo, seguro e con capacidade para adaptarse aos novos tempos”, aseverou, subliñando que este é o ambicioso reto co que naceu esta fundación.

Nese obxectivo, o titular do Goberno galego recordou que estivo acompañada pola Xunta, cunha achega, entre 2009 e 2017 de 23 millóns de euros para a posta en marcha de máis de 500 cursos de formación. E o pasado ano, máis de 1300 traballadores beneficiáronse da oferta formativa que impulsou a Fundación Laboral da Construción co apoio do Administración autonómica.

Así mesmo, subliñou que nesa aposta se enmarca tamén o novo centro que se inaugura hoxe e que dispón dun espazo dedicado á obtención de certificados de profesionalidade, ao manexo de maquinaria de obra pública e, especialmente, á formación dual, co fin de axustar os perfís profesionais ás necesidades reais das empresas.

Ao longo da súa intervención, o responsable do Executivo galego referiuse ademais ao novo Plan estatal de vivenda 2018-2020. Un plan que, cofinanciado pola Xunta e dotado con 107 millóns de euros, suporá un novo impulso para o sector, coa previsión de xerar un investimento de máis de 250 millóns de euros e contribuír á creación e mantemento de case 11.000 postos de traballo.

“E este plan queremos acompañalo coa primeira Lei de rehabilitación que vai ter Galicia”, dixo, precisando que este documento terá como obxectivo a recuperación de 100.000 vivendas na Comunidade, sobre todo nos centros históricos das cidades e no ámbito rural, apostando pola protección do noso patrimonio.

Se ben o sector da construción aínda non alcanzou as cifras anteriores á recesión, Feijóo concluíu afirmando que se atopa no camiño para conseguilo: con catro anos consecutivos de incrementos; cun número de afiliacións que medrou un 3,6% con respecto ao ano anterior; e cun paro que descendeu un 21,6%, converténdose no sector económico que alcanza o maior ritmo de caída do paro interanual en Galicia, nos últimos anos.

Petroni ENTRADAS

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

diez − nueve =