Nee Barros e Carlos Mirás, gañadores do I Premio de Radioficción CUAC FM

O ourensán Nee Barros e o coruñés Carlos Mirás son os gañadores desta primeira edición do I Premio de Radioficción CUAC FM. Nee Barros Fernández obtén o galardón pola obra “Conversas nocturnas” na Categoría Menor de Idade e Carlos Mirás pola obra“Violación de morada” na Categoría Adulta. Ambas obras están premiadas coa produción e locución dos seus textos por CUAC FM e emisión en franxa horaria, xunto coa edición de varios CDs, ademais dunha suma económica: 150 euros para o gañador da modalidade menor de idade e 300 euros para o gañador da modalidade adulta.

O xurado, de entre os case 20 orixinais presentados, resalta a boa calidade, variedade temática e a inclusión nos guións de elementos sonoros como a música. Destaca das dúas obras gañadoras a súa destreza narrativa e o seu dominio dos códigos de expresión radiofónica e dos recursos da conversa e o diálogo, ben resoltos, áxiles e atractivos para os/as ouvintes xunto coa exploración de varios rexistros, dende a comedia ata o suspense, incluíndo tamén un elemento de orixinalidade e vangarda como é o emprego de recursos propios do metateatro. Os membros do xurado destacan así mesmo a variedade de rexistros lingüísticos que dotan de riqueza aos textos e o coidado posto na adaptación ao medio, cuns efectos sonoros e indicacións precisas do escenario e ambiente que permiten caracterizar a situación na linguaxe auditiva nuns diálogos vivos cunha suxestiva plasmación radiofónica.

O xurado deste I Premio de Radioficción CUAC FM estivo formado por Ánxela Gracián, escritora e tradutora, Inma Otero, crítica literaria e profesora e Armando Requeixo, crítico literario, investigador e Presidente do Xurado. Actuou como Secretario do Xurado, con voz e sen voto, Lois Alcayde Dans, escritor e Coordinador de Comunicación de CUAC FM.

A cerimonia de entrega de ambos galardóns celebraráse en A Coruña no vindeiro mes de xuño, con lugar e día aínda pendentes de confirmación.

NEE BARROS FERNÁNDEZNaceu en 2002 en Ourense, pero vive en Marín onde actualmente cursa 4º da ESO. Acadou premios de literatura entre os que se atopan o “I Certame de microrrelatos da RAG e Puntogal”, o “XIV Certame Literario do Concello de Ames” ou o “Premio Literario O Facho 2017” e en audiovisual; “O Museo de Pontevedra en Curtametraxes”. Escribe teatro, relatos (no blog “Cuentos mal contados” http://www.cuentosmalcontados.wordpress.com ) e quere ser dramaturgo.

CARLOS MIRÁS AVALOS: Nado na Coruña o 18 de setembro de 1978. Exerce de profesor no Centro de Promoción da Autonomía Persoal de Bergondo onde imparte diferentes cursos a un alumnado con diversidade funcional. Durante 6 anos conduxo o taller de lectura dese centro do que da fe o seu blog lecturaenbergondo.blogspot.com . Escribe previas, análises e crónicas para a Cadena Ser e para outras páxinas web sobre o seu equipo local, o Leyma Básquet Coruña, exerce tamén de comentarista técnico nas súas retransmisións a través de CanalFEV.tv. Declárase admirador do blues e do cinema clásico. Pai dun neno de 3 anos.

Acta do xurado I premio de radioficcion CUAC FM 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

diecisiete − 1 =