O SLG inicia unha campaña informativa e de alegacións contra a modificación do PXOM de Curtis que desprotexe o solo agrario e forestal

O Concello de Curtis ten en fase de exposición pública, até o 28 de maio, a modificación puntual nº 7 do seu Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para facer as alegacións ou achegas que se consideren oportunas.

O Sindicato Labrego Galego posiciónase contra esta modificación porque pretende suprimir todo o solo rústico de protección agropecuaria e case todo o solo rústico de protección forestal, que pasarían a ser solo rústico de protección ordinaria.

O Concello argumenta que aparellada a esta modificación, aínda que pendente de elaboración, estaría prevista unha “Ordenanza de usos do solo rústico” que determinaría onde se desenvolverían os usos agrarios e os forestais, xa que así disporía dunha maior “flexibilidade” para a adaptación dos usos do solo, fronte á “rixidez” da Lei do Solo, para mudar as diferentes categorías de solo rústico.

Porén, a realidade é moi distinta á que nos quere facer ver o Concello de Curtis. A modificación do PXOM que pretende levar a cabo implica que tanto o solo agrario e forestal quedarán desvalorizados e con menor protección. A posición contraria do Sindicato Labrego Galego baséase en que o resultado desta modificación non contribúe a “ordenar o solo”, que é a finalidade que ten un planeamento municipal. Pola contra, este cambio normativo incide na desprotección dos propietarios e propietarias das terras afectadas, sexan de uso agrario ou forestal, xa que a Consellaría de Medio Rural deixaría de ser o organismo sectorial de referencia, e poderían levarse a cabo actuacións e permisos de actividades de calquera tipo sen que Medio Rural puidese emitir ningún informe nin posicionarse de ningún xeito.

A DESPROTECCIÓN COMPROMETE A BASE TERRITORIAL DE CENTOS DE GRANXAS

Segundo datos do Instituto Galego de Estatística, en 2009 Curtis contaba con 389 granxas que sostiñan 454 unidades de traballo agrario e xestionaban case 6.000 hectáreas de terras, o que equivale á metade do territorio municipal. Con estes datos na man, é evidente que a actividade agrogandeira ten unha importancia fundamental no Concello de Curtis. De feito, o alcalde, Javier Caínzos, tense manifestado publicamente na defensa da mesma, polo que entendemos que esa defensa dos sectores agropecuarios curtenses debería reflectirse tamén nas políticas de ordenación do solo que leva a cabo o equipo de goberno que dirixe, xa que a tendencia dos últimos anos é de perda de superficie agraria útil, e isto redunda nunha mingua da competitividade das granxas deste municipio coruñés.

Dende o Sindicato Labrego Galego pensamos que na ordenación e protección do solo non caben atallos nin medias tintas, e a modificación que se pretende levar a cabo en Curtis incumpre a Lei 2/2016 do Solo de Galicia así como o regulamento que a desenvolve. Diante disto, o noso gabinete xurídico redactou un modelo de alegacións que facilitará e estará dispoñible nas oficinas do SLG en Teixeiro (Doutor Martínez Pardo 13, 1º) para que todas as persoas afectadas poidan asesorarse e presentalas de cara a deter un cambio normativo que deixará indefensas as granxas de Curtis diante dos intereses especulativos do sector industrial.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

17 − nueve =