Os cociñeiros Iván Domínguez e Javi Freijeiro impartiron un novo taller de tapas para profesionais da hostalaría

Os talleres de elaboración de tapas forman parte da oferta formativa que vén desenvolvendo a Concellaría de Promoción Económica nos últimos anos para o sector da hostalaría. Nas vésperas da sexta edición de Carballo por Etapas, os/as profesionais que participarán na ruta foron os principais destinatarios do curso que se levou a cabo nos dous últimos días na cociña do Fórum. E como a aposta pola calidade é unha das máximas do departamento que dirixe Xosé Regueira, unha vez máis contouse con chefs de tanto prestixio coma Javi Freijeiro e Iván Domínguez, posuidor dunha estrela Michelin.

Durante dúas xornadas, os mestres demostraron que é posible elaborar tapas actuais co produto de sempre, e que tamén se pode aforrar con receitas tan sinxelas como aproveitar os produtos de descarte, recorrer á estacionalidade ou utilizar determinadas técnicas de cociñado.

Con estas premisas e unha firme aposta polo produto local e de proximidade, Javi Freijeiro e Iván Domínguez conseguiron converter a teoría en práctica. Deste xeito, o luns elaboraron xarda soasada, tacos de choco na súa tinta, chícharos e touciño e espárragos, ovo 64° e mollo de carne. E o martes, aproveitando algúns produtos do día anterior, outras catro tapas: escabeche instantáneo (navallas e ajetes, mexillóns e cítricos), pescada, tirabeques e caldo de vainas; cachucha e brócoli, e bacallau fresco marinado.

Sen dúbida que os/as hostaleiros/as participantes sacarán máis partido dos produtos locais na vindeira edición de Carballo por Etapas, que xa está moi pretiño: será a última fin de semana de maio (25, 26 e 27) e a primeira de xuño (1, 2 e 3). Os horarios non varían: os venres, de 20.00 a 22.00 horas, e os sábados e domingos, de 12.00 a 14.00 e de 20.00 a 22.00. Así mesmo, como xa vén sendo habitual, os clientes recibirán con cada tapa un boleto co que poderán acadar premios instantáneos. E tampouco faltará o tren turístico percorrendo toda a ruta.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

diecisiete − 6 =