Puy considera “facer arqueoloxía de asuntos xa tratados” solicitar a comparecencia de Feijóo pola auditoría de KPMG para a fusión das caixas

O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, considerou hoxe que “o Parlamento está para cuestións máis interesantes que facer arqueoloxía de asuntos xa tratados e de comparecencias xa substanciadas” respecto da due diligence elaborada pola auditora KPMG sobre a viabilidade financeira da fusión das caixas de aforro galegas. Neste sentido, explicou que a decisión para encargar a esta auditora o estudo respondía a que “non traballaba con ningunha das dúas caixas galegas e, sobre todo, porque estaba traballando, tanto en Europa como en España, noutros procesos de fusión e estaba aplicando a metodoloxía e requisitos que permitían recibir axudas públicas para facer máis viable o proceso de fusión”.

Pedro Puy amosouse “sorprendido” de que a intervención do representante da auditora KPMG na Comisión do Congreso que investiga a crise financeira sobre o informe elaborado para a posible fusión das caixas galegas “suscite un interese desmesurado na oposición, cando reproduce o que se dixo hai cinco anos na Comisión de investigación sobre as caixas galegas no Parlamento galego”.

ENTIDADE SOLVENTE EN GALICIA

Neste sentido, lembrou que, “nun momento no que o Goberno socialista estaba impulsando procesos de concentración bancaria en España, a vontade maioritaria da Cámara galega era manter unha entidade solvente en Galicia”. Porén, apuntou que “unha das entidades se opoñía e prefería ir cara outras vías, mentres que a Xunta, os sindicatos e os empresarios estaban en contra de fusións cara afora e impulsaron un proceso de fusión nunha entidade que fose solvente á altura do que se esixía polo Banco de España”.

“Na Comisión de investigación sobre as caixas galegas, tanto a conselleira de Facenda naquel momento, como o Presidente da Xunta e os propios responsables de KPMG xa explicaron que naquel momento se decide encargar un estudo sobre a viabilidade financeira da fusión e faise a KPMG porque non traballaba con ningunha das dúas entidades e, sobre todo, porque esta auditora estaba traballando tanto en Europa como en España noutros procesos de fusión e estaba aplicando a metodoloxía e requisitos que permitirían recibir axudas públicas para facer máis viable o proceso de fusión”.

Puy asegurou que “todo está explicado e non sei que motivo impulsa á oposición a pedir unha comparecencia do Presidente da Xunta nunha Cámara na que xa compareceu e foi sometido a cuestións sobre este informe da auditora”.

PARTICULARMENTE SATISFEITOS

O portavoz popular asegurou que “nos sentimos particularmente satisfeitos dese proceso de fusión, pese a todo o que aconteceu despois” coa crise económica. Neste sentido, sinalou que, de terse levado adiante as negociacións nas que se encontraban as entidades financeiras galegas, “terían acabado na actualidade absorbidas e integradas noutras entidades como Bankia,  Caixabank ou Unicaja Banco, con domicilio en Madrid, Valencia e Málaga, respectivamente”.

Puy manifestou que esta preocupación polas antigas caixas galegas “coincide nun día no que coñecemos os resultados da entidade bancaria herdeira das extintas caixas de aforro: 155 millóns de beneficios, 1,5 por cento máis que o pasado ano, e un crecemento de depósitos do 6,4 por cento”. “Se falamos do emprego a nivel de Galicia, habería que mirar se compensa unha entidade independente con sede en Galicia ou unha que estivera absorbida en Caixabank ou Bankia”, indicou.

“Eu moitas veces non sei a que xogan algúns partidos en Galicia”, lamentou Pedro Puy, quen anotou que “esta solicitude de comparecencia extemporánea coincide no momento que algún grupo de esquerda está a insinuar que pode haber contaminación pola situación dos negocios bancarios do señor Escotet en Venezuela como consecuencia da intervención dun goberno afín ideoloxicamente a eles que está arruinando o país”. “O goberno venezolano intervén un banco que non ten nada que ver con ABANCA, porque teñen negocios totalmente separados”, asegurou.

CONTRIBUÍR Á ESTABILIDADE

O portavoz popular tamén se referiu esta mañá á interparlamentaria que o PPdeG celebrou este sábado en Santiago, “unha reunión moi satisfactoria, tanto pola asistencia de representantes no Parlamento de Galicia, no Congreso, no Senado e no Parlamento Europeo, como porque se abriron debates nos que os portavoces sectoriais nas materias tiveron oportunidade de contrastar experiencias nas distintas cámaras de representación”.

“O certo é que o Grupo Popular en Galicia, nas Cortes e no Parlamento Europeo garante estabilidade, reformas e equilibrio nun momento no que hai unha tendencia cara aos extremos en todas partes”, sinalou Puy, quen considerou “un motivo de satisfacción saber que contribuímos á estabilidade” a nivel europeo, español e galego.

Anexo con referencias sobre o informe de KPMG

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

diecinueve − 14 =