A Real Academia Galega amosa co gallo do Día do Libro as primeiras olladas ao Pergamiño Vindel tras a súa descuberta

O Pergamiño Vindel xa está de volta ao outro lado do Atlántico, na Morgan Library de Nova York, despois de permanecer durante seis meses en Vigo, á beira do mar na que Martín Codax seguramente escribiu as sete cantigas de amigo reproducidas neste manuscrito do s. XIII. Co gallo do Día do Libro, a Real Academia Galega volve deterse nesta obra central da nosa literatura medieval cunha mostra das pezas máis significativas arredor dela que custodia a biblioteca da institución. Entre elas poderán verse, do 23 de abril ao 4 de maio, o artigo na revista Arte Español do libreiro que lle deu nome, Pedro Vindel, no que anunciaba, en febreiro de 1914, a súa descuberta e un dos escasísimos exemplares do libriño que publicou un ano despois de atopalo por casualidade, que inclúe unha edición facsimilar deste tesouro. Esta copia foi a que empregou o académico Eladio Oviedo y Arce para o seu estudo sobre o pergamiño, outra publicación singular que tamén forma parte da mostra.
Leer más

1 2 3 80