Infancia e deporte, unidos no programa “EsquiOU 2018” da Deputación de Ourense

A Deputación de Ourense, en colaboración con Oca Nova Manzaneda, organizan un ano máis o programa “Esquiou 2018”, que ofrece a posibilidade de achegar a práctica de deportes de inverno e actividades de lecer a máis de 700 nenos da provincia de Ourense de idades comprendidas entre 9 e 12 anos. A presentación desta iniciativa deportiva tivo lugar hoxe no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” a cargo do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e do director da Estación Oca Nova Manzaneda, Gustavo Sanmartín.

 Manuel Baltar destacou que se trata “dunha actuación máis no ámbito da infancia como as que vimos desenvolvendo desde a institución provincial como “Pazolandia”, o maior parque de atraccións estacional de Galicia; a Semana Escolar da Provincia e a túa Deputación; as actividades das Letras Galegas, achegando aos máis mozos os autores máis senlleiros da nosa literatura, ou as axudas á natalidade, todas elas poñendo o acento no apoio social, cultural e de lecer dos máis novos”, afirma Manuel Baltar. E por cuarto ano consecutivo “EsquiOU” “acerca aos nenos da provincia á estación de Cabeza de Manzaneda, un referente de natureza e deporte de montaña en Galicia e no Norte de Portugal”, sinalou o presidente da Deputación de Ourense.

 Pola súa parte, o director da Estación Oca Nova Manzaneda dixo que todas as convocatorias de EsquiOU “son un éxito e cada ano temos máis inscricións”, e animou á participación porque a “estación de Cabeza de Manzaneda é un ben que temos na provincia e que queremos potenciar”, dixo Gustavo Sanmartín.

 O programa “EsquiOU”, que pon a disposición 735 prazas para nenos de 9 a 12 anos nas sete zonas xeográficas da provincia, ofrece un completo programa que inclúe aloxamento, pensión alimenticia, curso de esquí e outras actividades complementarias para nenos nacidos entre o 1 de xaneiro de 2006 e o 31 de decembro de 2009. A duración é de dúas noites e tres días, de luns a mércores.

 O programa divídese en sete quendas de 105 persoas cada unha. Deste modo, as quendas serán organizadas por proximidade xeográfica para facilitar a integración e a convivencia entre os participantes. De non cubrirse as prazas nunha quenda e haber demandantes en espera doutras comarcas, iranse reasignando por orde de inscrición. Así, a primeira quenda, que vai do 22 ao 24 de xaneiro, será para as comarcas de Terra de Celanova e Baixa Limia; a segunda, do 29 ao 31 de xaneiro, será para as comarcas de Allariz, Maceda e A Limia; a terceira, do 5 ao 7 de febreiro, será O Ribeiro e Carballiño; a cuarta, do 12 ao 14 de febreiro, para a comarca de Ourense; a quinta, do 19 ao 21 de febreiro, para as comarcas de Verín e Viana; a sexta, do 26 ao 28 de febreiro, para Valdeorras; e a sétima quenda, que vai do 5 ao 7 de marzo, para as comarcas de Terra de Caldelas e Terra de Trives.

Os interesados en participar no programa poden inscribirse ata o día 15 de xaneiro de 2018 a través do correo electrónico esquiou@depourense.es. O custe para cada participante será de 29 euros.

Para máis información: http://www.depourense.es/index.php/component/content/article/8-cat-institucional/2972-programa-esquiou-2018

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

11 − 1 =