Tellado celebra que “a oposición teña as mesmas prioridades en materia de emprego que a Xunta”

Ante os datos coñecidos onte, apunta que “a recuperación segue a reflectirse no mercado laboral”

O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, celebrou este martes no Parlamento que a oposición asuma as mesmas prioridades que ten a Xunta de Galicia en materia de emprego, ao lembrar que o Goberno galego está a centrar as súas políticas en mellorar as condicións dos traballadores, reducir a fenda salarial por cuestión de xénero ou  incrementar a contratación entre os máis novos, entre outros aspectos.

Ante os datos de paro rexistrado coñecidos no día de onte, Tellado insistiu en que é “innegable” que a recuperación se está a traducir nunha mellora do mercado laboral, xa que Galicia ten 16.379 parados menos que hai un ano, o que nos sitúa por debaixo do datos de hai 8 anos novembro 2009. No mesmo sentido, lembrou que as afiliacións seguen aumentando en máis de 20.000 no último ano, e xa son máis de tres anos e medio, desde abril de 2014, que se crea emprego en Galicia.

Incidindo no mesmo argumento, o viceportavoz popular entende que a calidade do emprego que se crea está a mellorar, xa que a contratación indefinida crece no último ano nun 10,64 por cento, superando en case 6 puntos o reflectido na temporal (+4,72 por cento); e superando o ritmo de subida do Estado.

CAMPAÑA PARA AS PRIMARIAS SOCIALISTAS

Así, contrapuxo este debate cos que se daban nos últimos tempos dos socialistas nos gobernos autonómico e central, nos que a atención estaba centrada en que “non había emprego, nin bo nin malo, nin para mulleres nin para homes, nin para mozos nin para maiores”

Por outra banda, Tellado afeoulle á deputada Noela Blanco que empregase o Parlamento para facer campaña interna no seu proceso de primarias para liderar os socialistas ourensáns. O popular ve na iniciativa debatida hoxe no Pleno “un programa electoral”, xa que toca cuestións como unha suba do salario mínimo interprofesional, que os socialistas galegos nin sequera contemplaban no seu programa para as autonómicas de 2016.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

dieciseis + cuatro =