Os alcaldes de Arteixo, A Laracha e Carballo xestionan coa Xunta o desenvolvemento do eixo industrial

Hoxe reuníronse co conselleiro de Economía, Emprego e Industria para trasladarlle as necesidades de solo e dunha formación axeitada ás necesidades das empresas                                              

Os alcaldes de Arteixo, A Laracha e Carballo apostan polo desenvolvemento do eixo industrial conformado polos tres concellos, e con esa intención están a impulsar unha estratexia conxunta que ten como finalidade converter esta ampla zona de influencia de Punta Langosteira na gran área loxística que dea resposta ás necesidades de solo industrial e man de obra cualificada derivada da actividade do porto exterior.

Hoxe Carlos Calvelo, José Manuel López e Evencio Ferrero mantiveron en Santiago unha reunión co conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, na que tamén estivo presente o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces. Durante máis dunha hora de xuntanza, os rexedores trasladáronlles aos representantes da Xunta a súa preocupación pola dispoñibilidade de solo industrial e a necesidade de que desde a Administración autonómica se traballe cóbado con cóbado cos concellos.

Neste sentido, no parque empresarial de Carballo o nivel de adxudicación e reserva de solo industrial xa supera o 77% e só quedan dispoñibles 100.000 metros cadrados repartidos en 39 parcelas, cunha superficie media de pouco máis de 2.500 metros cadrados, o que limita moito o desenvolvemento de novos proxectos industriais de envergadura. De feito, a corporación municipal ten solicitado xa por unanimidade o desenvolvemento dunha nova fase do polígono, e, así mesmo, na xuntanza que mantivo co presidente da Xunta o pasado mes de febreiro, Evencio Ferrero incluíu a ampliación do solo industrial coma unha das cinco necesidades estratéxicas para o noso concello.

Os alcaldes tamén insistiron hoxe na necesidade de poñer en marcha plans de formación que se axusten ás necesidades de persoal das empresas. Neste sentido, o Concello de Carballo conta coa positiva experiencia do curso de metal que organizou directamente o ano pasado e no que se acadou a inserción laboral de 13 dos 15 participantes grazas a un programa formativo practicamente “a carta”. O alcalde considera que esa debe ser a liña a seguir, facilitando por unha banda a formación e a inserción laboral e, por outra, dando resposta ás necesidades de persoal especializado das empresas e promovendo deste xeito a súa consolidación e expansión.

O alcalde de Carballo fixo unha valoración moi positiva do encontro de hoxe tanto polo receptividade do conselleiro e o director xeral coma pola boa disposición que amosaron a poñerse do lado dos concellos no desenvolvemento desta estratexia conxunta de promoción industrial.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

dos × uno =

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.