Partido Popular de A Fonsagrada: “O alcalde vai camiño de ser o cobrador do frac”

O PP de A Fonsagrada asegura que o alcalde “vai camiño de ser o cobrador do frac”. Os populares fan esta valoración logo de coñecer a decisión adoptada polo equipo de goberno de proceder ao cobro nun só recibo dos atrasos do Imposto de Bens Inmobles (IBI) dos últimos catro anos.

Neste senso, consideran que, detrás desta decisión unilateral dos socialistas, existe “un afán recadatorio, pois, do contrario, fraccionaría o seu cobro para que lle fose moito máis sinxelo aos veciños”.

A regularización catastral é a inclusión na base de datos do Catrastro de construcións, ampliacións, melloras ou cambios de uso nos edificios que non estaban declarados. Este proceso estase a facer na maioría dos municipios de España, pero non inclúe os erros que supoñan unha baixada da contribución, polo que só son obxecto de regularización os defectos que suben o IBI. Isto supón a sanción de 60 euros por cada caso, correspondente ao incremento do propio imposto e ao pago de catro anos con efectos retroactivos. É dicir, o que pasa a cobrar o Concello é o importe incrementado no IBI multiplicado por catro anos.

“Mételles a tixeira pola porta de atrás”

“O Sr. Fernández presume de axudar aos veciños, pero logo mételles a tixeira pola porta de atrás. Como el está cobrando da Deputación polo menos uns 57.000 euros o que menos lle importa é se unha familia ten dificultades para pagar os recibos que están chegando ás casas”. Por este motivo, pídenlle que “repense a situación” e estableza novos mecanismos para evitar este sobrecusto.

Concello e Deputación, “cómplices”

A Fonsagrada é un dos Concellos que se sumou ao convenio a través do cal delega a recadación de impostos na Deputación, e segundo o que o ente provincial adianta de forma mensual o cobro destas taxas para que as entidades locais gañen liquidez.

Con todo, o gravamen que aplican as entidades locais para obter o que cada contribuínte ten que pagar, no caso das propiedades rústicas, vai dende o 0,3 de mínimo ao 0,9% de máximo. Dentro deste gravamen, son os Concellos os que establecen o límite que, no caso de A Fonsagrada, se sitúa no 0,6%; un coeficiente que os populares consideran “demasiado alto e sobre o que o goberno local tampouco buscou ningunha bonificación como si o están a facer outros municipios”, afirman.

“Sabemos que a decisión de cobrar é do Concello, pero se a recadación está delegada na Deputación, e el é vicepresidente da mesma, de seguro que poden artellar algunha fórmula para evitar esta situación que para moitos afectados é alarmante”. Do contrario, engaden, tanto a administración loal como a provincial “serán cómplices de estar sangrando aos veciños”.

O alcalde non informou aos veciños previamente

Neste senso, dende o PP critican que o rexedor non informase previamente aos afectados, pois, en caso contrario, lles sería máis sinxelo afrontar este sobrecusto ou incluso regularizar a situación para que non se visen na obriga de pagar os atrasos. Por todo elo, conclúen que a decisión do socialista é “unha decisión interesada para aumentar a recadación municipal”.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

cuatro × tres =

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.