Infancias “Prime Time”

Aínda co susto no corpo, todo o mundo está xa a celebrar o resgate dun equipo xuvenil tailandés de fútbol e do seu adestrador, despois de quedaren atrapados nunha cova por causa dunha inesperada tormenta que os deixou aillados e imposibilitados para saír polo seu propio pé

A operación logrou que todos saísen con vida tras varios días encerrados, seguida minuto a minuto polos medios de comunicación do mundo enteiro, que inevitablemente levantou unha onda de compaixón e solidariedade sen igual. Non era para menos. Mais é inevitable tamén comparalo con outro tipo de infancias, as que non son televisadas e, por tanto, non inducen a grandes mostras de pesar nin conlevan convites de altas instancias e organismos para celebrar o milagre da vida, coma están a recibir os nenos tailandeses.

Fai dous anos a imaxe do neno sirio Aylan, morto boca abaixo nunha praia turca, roubóunos calquera atisbo que tivesemos de dignidade. Apabullados por ese corpo quedo, que non correteaba nin trasteaba coma correspondería a un meniño desa idade, afogado por un mar non só de auga salgada, senón tamén de intereses espurios, de guerras de poder, de burocracias de países ricos que non queren contaminarse cos refuxiados que en boa parte propician os seus propios gobernos por avaricia e afán territorial. Nestes dous anos, máis de quinientos Aylans desapareceron baixo as mesmas circunstancias, afundidos debaixo dun bote de goma no que seus pais pagaron a prezo de ouro unha praza para que a soñada Europa lles dese a vida que antes lles quitaron, expoliando os seus recursos ou apuntalando gobernos corruptos aos que manexar coma títeres para maior gloria de Occidente. Este pasado 29 de xuño, tres bebés morrían do mesmo xeito nas costas de Libia e a imaxe dos socorristas con eles en brazos, ríxidos e inertes, só foi digna duns segundos no telexornal e dalgún renglón nos diarios entre o derradeiro acto oficial da Corona e as bravatas do xuíz Llarena coma garante da España unha, soa e libre. Nada máis. Non houbo heroes, nin cámaras, nin o presidente de ningún país quixo achegarse a ver a magnitude da traxedia por si mesmo. Eran nenos, sí…pero parias. Sen nome nin apelidos, non nos contaron por que fuxían, por que seus pais os espuxeron a tales perigos. Non estaban de excursión porque é o que toca en verán, vacacións, lecer. O que debería ser o calendario da vida de todos os nenas e nenas do mundo, pero que xa nunca será para eses miles aos que ninguén quixo ou puido sacar de debaixo das augas, que morreron coma viviron….anónimamente. Sen que ningún “Prime Time” reparase neles porque son moitos, pasa diariamente. Iso xa non proporciona audiencia. E o espectáculo ten que continuar.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

veinte − diez =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.