O Grupo Popular asegura que “é falso afirmar que a Lei de espectáculos impida a música en vivo ou celebrar actuacións en locais onde se permitían”

O deputado popular Alberto Pazos considerou “un acerto mellorar a regulación destas actividades, pero sería gravísimo facelo para xustificar mentiras, amparar ilegalidades ou atribuír á lei consecuencias que teñen a súa orixe na actuación irresponsable dalgún alcalde”

O deputado do Grupo Popular Alberto Pazos asegurou hoxe que “é falso afirmar que a Lei de espectáculos impide á música ao vivo ou prohibe celebrar espectáculos en locais onde antes se permitían, porque a posibilidade de celebrar regularmente eventos nun local depende exclusivamente da súa licencia, antes e despois da aprobación desta lei”.

“Afirmar que un concello podía ou pode autorizar nun local a celebración regular de eventos que non están amparados por unha licenza municipal é un engano a veciños, propietarios de locais e artistas”, concretou Pazos.

ARROGANCIA DOS POLÍTICOS

Neste sentido, lamentou que “hai responsables públicos que se consideran por enriba da lei e a súa arrogancia, propia de quen ignora as advertencias legais dos seus propios servizos xurídicos e só comparable á covardía política que amosan ao non asumir as consecuencias desa actitude derivando falsamente a responsabilidade da súa conduta a outras administracións”.

Alberto Pazos considerou “un acerto mellorar a regulación das actividades de espectáculos e dos locais nos que teñen lugar, especialmente dos locais de ocio, de entretemento e de restauración, pero sería gravísimo facelo para xustificar mentiras, amparar ilegalidades ou atribuír á Lei de espectáculos consecuencias que teñen a súa orixe na actuación irresponsable dalgún alcalde”.

O deputado popular explicou que a Xunta de Galicia está a tramitar neste momento o decreto que regula a Comisión de espectáculos públicos e actividades recreativas, ao tempo que traballa paralelamente na elaboración dun novo catálogo de espectáculos públicos adaptado á realidade actual.

Deste xeito, rexeitou a demanda do Grupo Socialista para condicionar o prazo de tramitación deste novo catálogo nin condicionar o tempo de elaboración do informe preceptivo da Comisión, porque “é máis importante acertar nas modificacións do catálogo que aprobalo nun determinado prazo”.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

once − tres =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.