Tirando da Lingua. As exhumacións son para o verán. Por @DulceCorcu

Coma na obra de teatro de Fernando Fernán Gómez e posterior película de Jaime Chávarri, “As bicicletas son para o verán”, o raparigo Luisito que anhela unha bici , ve frustrados os seus desexos polo inminente estoupido da Gierra Civil, e polo tanto, condeado a agardar non se sabe ata cando. Algo así viviron os españois todos estes anos, dende que no ano 1975 morría o ditador Francisco Franco e fose enterrado no mausoleo do Val dos Caídos, que el mesmo mandou construír para maior gloria do franquismo e onde renderlle honras unha vez desaparecido. E así foi ata hoxe, sen que a ningún goberno se lle alterase o pulso nin despois de aprobada a Lei de Memoria Histórica que conmina a facer desaparecer todo símbolo que engrandeza e lembre a ditadura.

Partidos políticos e asociacións teimaron durante anos para que as vítimas do franquismo tivesen a mesma consideración que as do terrorismo, por exemplo, mais tales reivindicacións sempre caeron en saco roto. Franco e Primo de Rivera non se tocan, que para iso ademais hai unha asociación co nome do ditador financiada públicamente para levar a xuízo a todo aquel que ouse chamar xenocida ou ditador ao xenocida e ditador Francisco Franco. A xenerosidade da Transición tamén permitíu que España fose o único país que non só non repudiou á familia franquista, senón que lles outorgou privilexios e mantívolles os que xa tiñan, e por si fora pouco, Juan Carlos I, daquela El-Rey, agasallounos cun Ducado de Franco para que quedase claro que é de ben nacido ser agradecido.
Pero nisto chegou inesperadamente Pedro Sánchez ao poder, e unha das primeiras medidas do seu goberno foi iniciar os trámites para a exhumación de Franco e Primo de Rivera e acabar así coa anomalía histórica de renderlles pleitesía pública a quen só merece o máis escuro dalgunha cuneta, onde aínda abundan tantos españois que ningún goberno tampouco se interesou en desenterrar. Incluído o mesmísimo Lorca, que nun país decente e verdadeiramente democrático estaría desenterrado e situado onde corresponde a calquer gloria universal. Pero en España segue nunha fosa común aínda que despois lle adiquen o “Día do Libro” ou fagan documentales para espallar o seu legado. Somos así de cínicos. Coma hoxe mesmo Felipe VI, o avalador de apalizar cataláns, que ratificou que o tal Ducado de Franco pase a neta do ditador sen que lle custe un céntimo, firmado polo anterior ministro de Xustiza, Rafael Catalá, no mesmo día en que se desenvolvía a moción de censura que o deixou sen o cargo. Pero todo atado e ben atado. Non se vaia romper España sen elites nin cortesáns. Para máis escarnio, hoxe tamén en Chile foron condeados os asasinos de Víctor Jara corenta e cinco anos despois de matalo, e fai uns días expropiados os bens de Pinochet, logrados do mesmo xeito que os dos Franco, por abuso de poder e paseíllo as tapias dos cemiterios a quen desente. En España, para ver resarcidas as vítimas da ditadura….quizais nunca chegue o verán.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

19 − dieciocho =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.