A Deputación de Ourense pon en marcha o proxecto “Vidas con historia”

 A Deputación de Ourense, a través do proxecto Gerês-Xurés Dinámico, puxo en marcha a iniciativa “Vidas con historia”, un estudo sociolóxico sobre os modos e historias de vida dos habitantes da Reserva da Biosfera Tranfronteiriza Gerês-Xurés (RBTGX), que se desenvolverá durante os meses de verán nos seis municipios da parte galega da Reserva (Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños), co fin de convertelo posteriormente nunha publicación. A presentación desta iniciativa tivo lugar hoxe no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, acto no que participou o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; o representante de Sustinea, Paulo Vázquez; e a directora técnica e a xerente da empresa Etnoga, Olga Conde e Carmela Sánchez, respectivamente.

 O proxecto “Vidas con historia”, para o cal se realizarán 40 entrevistas a persoas cunha media de idade de 70 anos dos seis concellos anteriormente citados, constituirá unha colección de relatos das persoas moradoras do lado galego da RBTGX. “Trátase de 40 historias particulares que comporán un cadro vivo e moi elaborado da vida cotiá das aldeas e vilas destes seis municipios, sobre a memoria da Guerra Civil, as penalidades da posguerra, os primeiros síntomas de mudanza dos anos 50 e o seu esfarelamento a partir dos anos 70, é dicir, de todo o que serva para dar a coñecer a Galicia do século XX”, explicou Doval, quen sinalou que o obxectivo desta traballo é “conservar a memoria do modo de vida das xentes que habitan nestes municipios”.

Olga Conde explicou que xa comezaran “coa primeira fase deste traballo, a máis importante, que é o contacto directo coa memoria oral dos habitantes destes municipios” e destacou “a boa acollida” dos que están a participar neste proxecto cultural, “contándonos as súas historias sobre a súa infancia, xuventude, a emigración, o tempo de posguerra e os xogos tradicionais”, sinalou Carmela Sánchez.

Os traballos realizaranse no marco do proxecto Gerês-Xurés Dinámico, cofinanciado ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V A España – Portugal (POCTEP) 2014-2020, e desenvolveranse conxuntamente entre a Deputación de Ourense e ADERE Peneda Gerês, unha entidade privada portuguesa sen fins lucrativos, que desenvolve a súa actividade nas rexións dos cinco concellos que abrangue o Parque Nacional da Peneda Gerês.

Os resultados obtidos por ambas entidades trala recompilación de datos cunha metodoloxía común previamente acordada, darán lugar posteriormente á publicación dun libro editado en dous volumes.

Talleres de sensibilización 

Por outra parte, o deputado provincial de Cultura tamén presentou hoxe outra iniciativa que está a organizar a Deputación de Ourense nos concellos da provincia da Reserva da Biosfera Tranfronteiriza Gerês-Xurés. “Trátase de seis talleres de sensibilización nos concellos do Parque Natural Baixa Limia – Serra do Xurés, destinados á sensibilización da poboación local da RBTGX sobre os valores patrimoniais e medioambientais do lugar no que habitan, implicándoa na súa conservación”, explicou Doval.

“O desenvolvemento destes obradoiros teñen como obxectivo fomentar a participación dos habitantes destes municipios, facer que coñezan e valoren tódolos seus recursos”, explicou Paulo Vázquez. Os talleres de sensibilización estarán orientados á poboación local da RBTGX de tódolos segmentos poboacionais de ámbolos lados da fronteira, co fin de profundizar no coñecemento deste espazo natural protexido e dos valores e recursos que están asociados a el, así como fomentar o seu coñecemento. Así mesmo, estes talleres terán como obxectivo “dar a coñecer, dunha forma didáctica, o patrimonio cultural e natural da RBTGX a través das Portas do Xurés: Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños”, explicou Manuel Doval 

A través destes obradoiros, os asistentes poderán valorar os recursos da Reserva da Biosfera interactuando de forma dinámica e a través da realización de xogos e xincanas. Para iso, buscarase o tesouro de Xan das Congostras que está agochado nalgunha parte do Xurés e que os participantes deberán atopar. Tamén haberá xogos populares e tradicionais para que nenos e adultos amosen as súas destrezas e poidan aprender ou lembrar as técnicas dos xogos dos nosos antepasados.

O primeiro taller de sensibilización tivo lugar o pasado día 25 de xullo na Porta de Calvos de Randín, coincidindo coas festas patronais de Santiago de Rubiás, localidade onde se sitúa este centro de interpretación dedicado á historia e a memoria do Couto Mixto. Mañá venres, 10 de agosto, será a quenda para os talleres de sensibilización na Porta de Entrimo (Centro de Interpretación da Xeomorfoloxía e da Paisaxe do Parque Natural Baixa Limia – Serra do Xurés), situado na Terrachá, ás 10.00 horas. E, pola tarde, ás 17.00 horas, desenvolveranse na Porta de Bande (Centro de Interpretación do Aquis Querquennis), situado en Porto Quintela.

O día 18 de agosto, ás 10.00 horas, celebrarase na Porta de Lobeira (Centro de Interpretación da Etnografía – Xaquín Lorenzo ¨Xocas¨), situado na Vila, capitalidade de Lobeira e, ás 17.00 horas, será na Porta de Muíños (Centro de Interpretación da Auga do Parque Natural Baixa Limia – Serra do Xurés), situada no complexo turístico-deportivo do Corgo en Mugueimes.

O último taller de sensibilización terá lugar o día 19 de agosto na Porta de Lobios (Centro de Interpretación da Flora do Parque Natural Baixa Limia – Serra do Xurés), ás 17.00 horas. Este centro situase no edificio da biblioteca do Concello de Lobios. Celebrándose nesta vila un campionato conxunto de xogos populares na zona especialmente habilitada para os xogos populares tradicionais polo Concello de Lobios, situada moi preto da Porta de Lobios.

Gerês-Xurés Dinámico

O proxecto Gerês-Xurés Dinámico, no marco do cal a Deputación de Ourense desenvolve estas dúas iniciativas, abrangue numerosas actividades encamiñadas á dinamización da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés (RBTGX), a través da promoción do turismo sustentable como un factor de desenvolvemento dos concellos galegos e portugueses. Todo isto realizarase a través da “Rede de Portas da RBTGX”, é dicir, a formada polas 6 Portas do Xurés (Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños), abertas de mércores a domingo, de 10.00 a 1400 horas e de 16.00 a 20.00 horas, e as 5 Portas do Gerês (Arcos de Valdevez, Melgaço, Montalegre, Ponte da Barca e Terras de Bouro), así como a creación de valor engadido dos produtos endóxenos da RBTGX.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

catorce − nueve =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.