Lobeira acolle as I Xornadas de Cine Rural “Xoaquín Lourenzo”

A noite do sábado, Lobeira acollerá as I Xornadas de Cine Rural “Xoaquín Lourenzo”, un evento no que cultura rural, etnografía, música e cinema se unen co fin de reivindicar a figura de Xoaquín Lourenzo, Xocas, e o seu papel como etnógrafo e antropólogo en Galicia.

Organizadas polo colectivo Arraianos e o Festival Internacional de Cine Rural de Galicia “Carlos Velo”, coa colaboración do Concello de Lobeira e Arraianos Producións, e coa Porta do Xurés da localidade como marco, os actos van dar comezo o sábado ás 22,30 horas, coa presentación do acto por parte do productorAser Álvarez, quen tamén vai apresentar o proxecto multimedia de edición de fondos históricos de fotografía e cinema sobre Galicia, que está a coordinar para a Mediateca do Ministerio de Agricultura, “Galicia na Memoria”, antes de darlle paso á interpretación dunha selección de temas musicais, inspirados na tradición musical da zona, a cargo do grupo Corda Rampeira.

Arredor das 23,00 horas, vaise apresentar e proxectar o filme “O tempo na Luparia”, dirixido por Plácido Romero e producido por Arraianos Producións, que está ambientada en Lobeira, e achéganos a un pobo no seu tempo e ao tempo que reside no pobo. A vida no pasado e no presente dunha comunidade de homes e mulleres, coa súa complexidade e coas mudanzas que trouxo o paso do tempo. Esta peza conta cun sentido lírico porque, segundo Plácido Romero, “da observación inmediata da vida nace a cualidade literaria dunha película”.

Finalista para o Premio Jean Loup Passek, na categoría de Mellor Longametraxe Internacional no Festival Internacional de Documentário Filmes do Homem, que se levou a cabo a pasada semana, e seleccionado para a 40 edición do Cine de Autor de Lugo, o filme pode ser visto como un intento poético de estímulo e orgullo de pertencer a unha terra, cuns grandes valores culturais e históricos, cun incerto futuro, pero tamén como un singular documento gráfico para a preservación da memoria colectiva, imprescindible para non esquecer quen somos e para poder entendernos a nós mesmos.

Xornadas

As I Xornadas de Cine Rural “Xoaquín Lourenzo” nacen coa intención de reivindicar, divulgar e dar a coñecer o legado de Xocas, pondo o foco de atención sobre proxectos que poder ser desenvolvidos na súa casa natal, que está a esmorecer. Ademais, a idea é fomentar a colaboración co Museo do Pobo Galego, onde se conserva boa parte do seu legado, ao tempo que se contribúe a dinamizar as Portas do Xurés.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

5 × uno =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.