Marcos é o Xiria, o Xiria é Marcos

Marcos Rodríguez Seijido, logo de estar vinculado ás Escolas Balonmán Xiria dende a tempada 1999/2000, incorporouse esta semana ao Balonmano Dominicos de Zaragoza onde dirixirá ao equipo feminino de División de Prata.

Foron moitos anos e moitas as vivencias dende que aquel tímido rapaz chegou a Carballo (procedente do OAR onde acababa de ser o máximo goleador da segunda estatal) para reforzar a un Calvo Xiria que pretendía dar o salto a 1ª División Estatal, e así foi que esa mesma tempada se conseguía o ascenso a 1ª Estatal por primeira vez.

Marcos compaxinou as súas tarefas como xogador coas de adestrador nas distintas categorías de base ata a tempada 2006/2007, finalizando a súa etapa como xogador cunha retirada das pistas provocada por varias lesións nos xeonllos, logo de colleitar tamén varios éxitos como adestrador nas categorías inferiores, con campionatos galegos e o sétimo posto no estatal xuvenil.

Esa mesma campaña fíxose cargo da coordinación técnica do club así como do primeiro equipo, que descendera a tempada anterior, para volver tentar o asalto á categoría de bronce do balonmán español. E conseguiuno no seu segundo ano levando as rendas do equipo. E dende aí comezou unha colleita de éxitos que se saldou con dous campionatos ligueiros de 1ª Estatal e outros dous subcampionatos, así como a clasificación para catro fases de ascenso á categoría de Prata. A pasada campaña pasouna en branco debido a un accidente de tráfico que o obrigou a pasar un ano alonxado do deporte.

O legado que deixa Marcos no Xiria é incuestionable, creando unha filosofía de club e canteira que son as señas de identidade do club.

E deixanos un importante pouso na vila de Carballo e en todos nos que nalgún momento da nosa vida formamos parte deste club nos seus distintos estamentos: directivos, xogadores, técnicos, pais e nais, colaboradores, afeccionados, etc …

Marcos é o Xiria e o Xiria é Marcos.

Desexámosche o mellor, míster!!!

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

veinte + cinco =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.