Non sin Tetilla. Por @DulceCorcu

En plena canícula estival, apenas recuperados folgos despois desa vaga de calor que achicharrou até as ganas de facer churrasco en toda Galicia, chega o vendaval da presunta prohibición do queixo de Tetilla en forma de anuncio da vicepresidenta do Goberno español Carmen Calvo, que supostamente o considera “sexista, pouco inclusivo e machista”. Se non vives consumido polo afán de criticar a todo aquel ou aquela que profesa unha ideoloxía diferente da túa, abondaba con prestar un pouco de atención para percatarse de que unha nova moi seria non parecía. A sección “El Pato Cojo”, do panfletario xornal EsDiario, urxía á necesidade de “queixos inclusivos”, e faciannos partícipes de que coñeceran a información de fontes “insolventes”. Pero nin con todo iso as gañas de revancha, de ataque e de desacreditar á vicepresidenta socialista foron quen de frearse ante a tentación de machacar de balde a un adversario político ou ideolóxico. Nin o temor ao ridículo máis absoluto detivo a xente con cargo público como a Concelleira e Portavoz do Grupo Municipal do PP en A Coruña Rosa Gallego, que entrou ao trapo ofendidísima sen ir á auténtica orixe da información: una sección satírica onde o único que non din nunca é a verdade. Pero as vísceras, xa se sabe, ás veces mandan máis que a razón.

Por outra banda, e aproveitando que o Pisuerga pasa por Valladolid, saíron á superficie todos eses que sempre están despostos a chamar feminazi a todo o que sexa promover igualdade; os misóxinos que se molestan porque existan mulleres e, por enriba, que teñan mando; os machistas que rabean porque as mulleres saian da cociña se lles peta, cando eles consideran que onde van estar mellor. Esa é tamén aínda a España do século XXI, desposta ao linchamento de quen ouse empregar palabras como “sexismo, inclusivo, igualdade ou feminismo”, pois segue a parecerlles un atentado aos bos costumes e ao sitio que eles consideran que deben ocupar as mulleres. Sempre o que eles determinen, por suposto, elas que nin se molesten en pensar por si mesmas, que para iso están os homes. Moitas das críticas a Carmen Calvo nin sequera ían polo disparatado da nova que lle achacaban, senón únicamente pola súa condición de muller, con mensaxes onde trataban de denigrala pola súa condición feminina, coma se sendo muller non se poidese agardar outra cousa dela que tolerías e despropósitos. A quen se lle ocurre darlles mando en praza, se só son mulleres. Non son comportamentos aillados, que é o terríbel, son manidos e frecontes e, frecontemente tamén, dos que se presume abertamente ou dos que non se ten conciencia porque en algunhas mentalidades é “o normal”. “Las leyes son como las mujeres, están para violarlas” dixo alegremente o presidente dos españois no exterior, ousexa, alguén a quen se lle supón un mínimo de diplomacia e cultura. José Manuel Castelao debía ser a excepción e, polo menos, houbo o sentidiño suficiente para facelo dimitir. Cando Gallardón pretendía restrinxir o dereito ao aborto, un portavoz de Novas Xeracións do PP en Tarifa dixo que “quien se abra de piernas, que apechugue”. Todas putas e golfas, claro que sí. “Carlos II vestido de Mariquita Pérez”, dixo Alfonso Guerra de Soledad Becerril. Sen un bo par de tetas e escotazo, pois non pode ser outra cousa que un marimacho. Líderes coma Trump ou Berlusconi fan e fixeron da degradación á muller bandeira, con altoparlantes en todos os medios para expandir os seus profundos pensamentos de Cromagnon, conscientes de que sempre atoparán afíns que os secunden e imiten. Na era dixital nada ten límite…nin sequera a máis evidente imbecilidad.
A Carmen Calvo, despois do trance de verse no alto de Twitter sen comelo nin bebelo, sempre lle quedará darse o gusto de encargar un auténtico queixo de Tetilla e saborealo lentamente ao borde da piscina. E se me fai caso, ben acompañado dun doce marmelo. Porque esa si é unha parella do máis inclusiva.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

tres × 2 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.