Ana Miranda acusa á Comisión Europea de crear alarma social para dar paso aos fondos privados de pensións

A eurodeputada do Bloque denuncia no Parlamento Europeo que as pensións en Galiza son das máis baixas do Estado

No debate sobre a defensa das pensións públicas que tivo lugar esta tarde no Parlamento Europeo, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, acusou á Comisión Europea de crear alarma social para posteriormente dar paso aos plans paneuropeos privados de pensións. Denunciou ademais que as pensións en Galiza son as segundas máis baixas do Estado español.

“Non se enganen. Non é a demografía e o aumento do número de pensionistas o único que pon en perigo as pensións públicas, como algúns pretenden facernos crer. O que realmente pon en perigo as pensións públicas é a política económica favorable aos intereses financeiros”, salientou a eurodeputada nacionalista na súa intervención, quen sinalou ademais que estes intereses van da man dunha política económica favorable a austeridade.

Neste sentido, Ana Miranda asegurou que existe “unha trampa no sistema”. Segundo explicou, en primeiro lugar a Comisión axuda a aumentar a alarma social, mentres posteriormente aplica políticas austeras para que os gobernos –moitos da súa corda- fagan reformas laborais e reformas nas pensións. Deste xeito, a perda de ingresos da Seguridade Social no estado español e o desmantelamento do Fondo de Reserva (coñecido como Hucha das Pensións) ten as súas raíces na redución dos salarios e a precariedade do emprego.

A porcentaxe de investimento en fondos de pensións privados con respecto ao PIB nos países da OCDE sitúase de media nun 67 por cento, mentres, no Estado español esta porcentaxe é inferior ao 10 por cento do PIB. Isto significa que os fondos de pensións se atopan cun reducido mercado, que so conseguirán ampliar se conseguen crear alarma social sobre o sistema de pensións e deteriorar as pensións públicas.

Datos ligados á banca

O volume de negocio destes plans privados só pode aumentar considerablemente “se non protexemos e defendemos o sistema de pensións públicas”, como fan os pensionistas desde hai meses desde a Coordinadora de Defensa das Pensións, a quen Ana Miranda enviou un saúdo desde o hemiciclo. “Non é casualidade que a maioría dos informes que conclúen a insostibilidade do sistema público de pensións proveñan de fundacións e entidades ligadas á banca”, indicou.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

17 + nueve =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.