Cadernos da viaxe. A forza da sociedade civil. Por Xoán Antón Pérez-Lema

A Coruña acollerá, entre os vindeiros días 21 e 28 de novembro, a primeira edición da Mobile Week que se desenvolva fóra de Barcelona. A traslación aos usuarios (empresas e consumidores) do grande Mobile Congress que se desenvolve para os profesionais do sector en Barcelona e que constitúe o principal evento  empresarial de Catalunya.

Foi un operador senlleiro da nosa sociedade civil, o Club Financeiro Atlántico, o que acadou o consenso do Concello coruñés (gobernado pola Marea Atlántica) a Deputación d’A Coruña (rexida por un goberno bipartito PSdeG-BNG apoiado pola coruñesa Marea Atlantica, a oleirense Alternativa dos Veciños e Compostela Aberta) e a  Xunta de Galicia gobernada polo PP. A Deputación contribúe ubicar eventos desta semana nos concellos da área urbana, mentres que a achega  autonómica trae á capital de Galicia algúns dos seus contidos.

Desta xeira podemos quitar  importantes ensinanzas. Unha sociedade civil forte é quen de superar os atrancos dos enfrontamentos políticos e facer remar ás Institucións todas na mesma dirección.  Traballar para gañarmos todos, “win to win”, como se fixo nesta andaina, habería ser a norma, no canto de fomentarmos estériles divisións e loitas.  Nas ensinanzas institucionais, viuse como hai alcaldes como o coruñés Xulio Ferreiro que saben mirar pola súa cidade en clave de promoción económica e posicionamento no mapa  europeo, mentres o alcalde vigués olla cara o embigo dos seus nove millóns de leds do alumeado de Nadal. Sen concello coruñés non habería Mobile Week Coruña.

Cómpre salientar tamén como os eixos atlántico e mediterráneo son quen de  acadar sinerxias tan importantes sen pasar por Madrid. Velaí o pulo das estruturas descentralizadas, en rede, fronte ás vellas e caducas estruturas centralistas cun cerebro único que todo o sabe e todo o entende.

Mais o traballo do CFA e do seu Presidente., Mariano Gómez Ulla,  foi máis aló, ao acadar do Mobile Congress a organización deste evento para todo o arco atlántico entre Bilbao e Porto e saber trascender o evento ao resto da área urbana coruñesa e do noso País, Galicia. Porque o futuro económico do noso País pasa por aproveitarmos de ser a confluencia entre os vectores atlántico e cantàbrico, como grande “hub” entre os grandes portos europeos e americanos. Pasa por deixar de sermos periferia.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

veinte − 5 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.