CCOO: O Concello de Muros vulnera o Estatuto dos Traballadores

A Inspección de Traballo deulle a razón a Comisións Obreiras (CCOO) e efectuou un requirimento ao Concello de Muros para rematar coa discriminación salarial denunciada polo sindicato. Entre outras cuestións, a Inspección esixe que se garanta o cumprimento do convenio colectivo, polo que o persoal laboral temporal debe percibir «as mesmas retribucións, básicas e complementarias ca as que percibe o persoal laboral fixo, do mesmo grupo ou nivel de complemento de destino».

O pronunciamento da autoridade laboral chega despois de reiteradas denuncias presentadas por CCOO contra o Concello polo incumprimento do acordo sobre o complemento de antigüidade ou pola vulneración do Estatuto dos Traballadores —por non converter en indefinido persoal que levaba anos encadeando contratos temporais.

Agora, o Concello de Muros anuncia que convocará a mesa xeral de negociación para elaborar unha relación de postos de traballo (RPT) que dea cabo da discriminación salarial entre o persoal laboral temporal e o persoal laboral fixo ou funcionario. Esa mesa terá lugar o vindeiro luns, día 17 de setembro. O sindicato acudirá coa intención de conseguir unha RPT que «solucione o despropósito actual e remate coas situacións inxustas».

CCOO agradece a boa vontade, pero critica a demora

CCOO agradece a «boa vontade» amosada pola alcaldesa de Muros en distintas xuntanzas, nas que manifestou a súa disposición a cumprir co requirido pola Inspección de Traballo. Deste xeito, comezouse a aboar o complemento de antigüidade a parte do persoal —non a todo— que, malia ter dereito, non o estaba a cobrar. O sindicato agarda que despois da mesa do luns, o Concello «adquira o compromiso firme» de estender o dereito a todas as traballadoras e traballadores.

Con todo, CCOO lamenta a demora do Concello en convocar a mesa, pois malia o tempo transcorrido desde o requirimento da Inspección, ata o momento só se entregou —a comezos de ano— unha «memoria» para que unha empresa externa elabore a RPT.

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

dieciseis − cinco =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.