CCOO: O persoal de Vitrasa inicia mobilizacións para esixir o cumprimento do convenio e mellores condicións de traballo

O comité da empresa concesionaria do servizo de autobuses urbanos de Vigo, Vitrasa, comezou  onte mobilizacións para esixir a mellora das condicións de traballo e o cumprimento do convenio colectivo. Desde CCOO denuncian que Vitrasa utiliza persoal eventual en rotación para cubrir postos fixos. Deste xeito, evita recoñecer a antigüidade e asegura a «disposición absoluta» destes traballadores. Esta fórmula, segundo o sindicato, incumpre o convenio colectivo. A organización pon como exemplo o caso recente dun traballador de cuxos servizos prescindiu a empresa, após seis anos encadeando contratos.

CCOO tamén esixe actualizar os horarios e percorridos das distintas liñas, en moitos casos «obsoletos» e afastados da realidade da cidade. Isto xera atrasos nos servizos e redución dos tempos de descanso estipulados para os condutores. Outra cuestión de saúde laboral que denuncia o sindicato é a ausencia de baños públicos a disposición dos condutores e das condutoras.

Xornadas abusivas

Outra crítica do persoal de Vitrasa é a realización de xornadas «abusivas» que superan o estipulado. «Por riba, a empresa négase a pagalas, incumprindo tamén neste punto o convenio», censura Comisións. A organización sindical tamén recolle outras queixas do persoal, como a mala calidade dos uniformes ou a falta de entrega dos mesmos —mediado setembro, moitos non recibiron aínda as prendas do verán.

Por último, os traballadores e traballadoras da empresa de autobuses esixen a elaboración dun plan de igualdade, pois o actual leva caducado tres anos.

Próximas mobilizacións

As próximas mobilizacións serán o vindeiro xoves, día 27 de setembro, tanto fronte ao Concello de Vigo como ás portas da empresa. Dous días despois haberá unha asemblea de persoal na que se proporá comezar con paros parciais.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

11 − dos =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.