E ti de que Máster ves sendo? Por @DulceCorcu

Porque agora mesmo, en España, non chegas a ministro ou líder da oposición se non tes un Máster deses con moito dourado nos bordes, moita letra repinicada e, sobre todo, moi poucas horas de asistencia a clase para acadalo. Así son os nosos políticos, xente ocupada pero que pese a todo non queren renunciar a cubrir canto oco baleiro haxa nos seus despachos. E mellor que unha imitación de Andy Warhol ou de Picasso, un Máster auténtico que acredite coñecementos e sapiencia abundante para despois impartir nos Parlamentos autonómicos ou estatal. Que se note o pedigrí, que por iso non chega calquera tan arriba.

A “titulitis” que embarga a tanto alto cargo, non deixa de ser mero acomplexado paletismo. Hai que rechear os perfís públicos, colgalos nas “webs” do Congreso ou do partido e queda feo que haxa só dúas liñas, a da Licenciatura ou Diplomatura que sacaron unha vez e o nivel de inglés medio-alto que figura en todo currículum que se precie. Arrepía decatarse tanto tempo despois que na Universidade Rey Juan Carlos os títulos repartíanse coma caramelos a porta dun colexio. Por suposto, só a uns cantos escollidos: deputados do bipartidismo, fillas de asesoras de deputadas, xoves promesas do trepamento e outros pelaxes de idéntico relumbrón. A derradeira vítima, a ministra de Sanidade do novísimo goberno de Pedro Sánchez. Carmen Montón quixo facerse a digna negando a maior e ensinando os seus traballos finais, coa única desvantaxe de que si, ensinóunos…mais non deixou que ninguén lles botase un ollo  enriba. Pouco tardou en que aparecesen públicamente e fose evidente que contiña moitas páxinas plaxiadas de artigos e outros documentos que non saíran da cabeciña da señora Montón. A demisión foi inmediata e irrevocable, co dano colateral de que botaba a presión sobre Pablo Casado, locuaz xefe do PP tamén cuestionado por algún deses títulos que salían da URJC coma melindres dun forno de Melide. A destaxo. Ata o momento comprensivo e compasivo coa ministra, irrecoñecible apelando a presuncións de inocencia, a ausencia de irregularidades e ao innecesario de demisión ningunha. Igualiño que se falase dun dos máis de novecentos imputados por algún tipo de corrupción do PP e non dunha ministra socialista pillada en falta. Cousas veredes, dicíalle alguén ao amigo Sancho. A meteórica carreira de Pablo Casado vén avalada polo seu título en Dereito duramente sacado en oito anos: sete para aprobar a metade da carreira, e un só para sacar a outra metade. Doce asignaturas nun só curso, coma un campión. Ademais dun posgrao en Harvard para que o lle abondou con achegarse a Aravaca catro tardes. E non podía pechar currículum, acabaramos, sen un Máster desa universidade con vocación de tómbola na que lle convalidaron dezaoito asignaturas de vintedúas. Que non ten títulos quen non sabe exprimir o verán, panda de preguiceiros que só pensades en ir a praia. Co leve matiz de que haxa imputadas algunhas alumnas por procederes semellantes, e de que unha xuíza dixese textualemente que fora “un agasallo”, consecuencia pola cal está a espera de que o Tribunal Supremo desfolle a margarida para ver se o imputan ou pelillos a la mar.
Mentres, a prensa “amiga” sae ó resgate para limpar tan bo nome enfangando o alleo. Coa ministra demitida, as portadas son para a tese de Pedro Sánchez, do que ninguén parece agardar que sexa realmente súa a que consta coma tal, espoleados principalmente por Albert Rivera, ese infeliz que sempre anda a queixarse de algo por onde pasa. Que se non lle preguntan o que quere nas televisións, que se lle colgan os lazos amarelos en canto os descolga, que para que quitan a Franco do mausoleo.  No contraataque, o presidente xa anunciou que a susodita tese será publicada urbi et orbi para despexar dúbidas e, de paso, poder querellarse contra os incrédulos. O resto dos mortais, aquí seguimos. Matándonos para que unha universidade de prestixio admita os nosos fillos e fillas despois de deslomarnos para xuntar a millonada pertinente. Poder custearlles ademais estancia para que non falten a unha soa clase ou perderán o título. Ás veces, cando non se pode, quen se matan a traballar son eles e elas, a maiores do estudo para poder optar a ese título que sí, figure no seu despacho e acredite que un día se esforzaron e pasaron a proba con nota. Sen necesidade de pedigrí nin escano no Congreso. Só valía persoal, dignidade e moito esforzo. A ver cantos dos que nos dan lecións a diario compiten contra eses títulos.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

5 + uno =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.