O curso escolar comeza con normalidade para os preto de 198.000 alumnos de infantil, primaria e educación especial en Galicia

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, acompañou aos rapaces do CEIP Rosalía de Castro de Lugo no seu primeiro día de clase

O curso escolar 2018/19 comezou hoxe con total normalidade para os 197.457 alumnos e alumnas de educación infantil, primaria e educación especial en Galicia, tal e como sinalou o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, que esta mañá acompañou aos 375 nenos e nenas do CEIP Rosalía de Castro de Lugo no seu primeiro día de clase. Neste concello iniciaron o curso máis de 2.500 alumnos en infantil e 5.500 en primaria.

Román Rodríguez explicou que esta normalidade tamén se fai extensiva ao transporte escolar, que prestará servizo a 90.000 alumnos de 765 centros públicos, o que coloca a Galicia como a primeira comunidade de todo o Estado no referido ao volume que representa este servizo educativo complementario.

O conselleiro destacou que o que Galicia consolidou un sistema educativo baseado na calidade e na equidade e igualdade de oportunidades. De feito, a última estatística do ministerio acredita que o sistema educativo galego é o máis inclusivo de todo o Estado, posto que o 92,4% dos alumnos con necesidades educativas especiais estudan en centros ordinarios.

Máis centros plurilingües e E-Dixgal

Así mesmo, tamén lembrou que este curso haberá 63 centros plurilingües máis, ata alcanzar os 385 (48 deles na provincia de Lugo) e un total de 267 centros con libro dixital ou E-Dixgal (49 en total na provincia lucense), 114 máis con respecto ao curso pasado. Neste sentido, a ensinanza dixital beneficiará a 18.000 alumnos.

Así mesmo, seguiranse fomentando as competencias STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) a través da extensión dos kits de Robótica a Primaria, os Clubs de ciencia ou a Semana STEM, entre outras accións.

Compromiso co Concello de Lugo

No caso concreto de Lugo, Román Rodríguez salientou o compromiso da Xunta de Galicia cos centros educativos do concello. De feito, só neste ano 2018 están en planificación máis de 5,4 millóns de euros nunha ducia de centros. Entre as obras máis importantes cómpre destacar a construción do novo CEIP Sagrado Corazón (4 millóns de euros) ou a futura ampliación do IES Sanxillao (1 millón de euros).

Neste sentido, o titular do departamento educativo do Goberno galego lembrou a obra de eficiencia enerxética executada entre 2016 e 2017 no propio CEIP Rosalía de Castro, na que a Consellería investiu 430.000 euros.

Así mesmo, avanzou que o vindeiro ano 2019 se levarán a cabo outras dúas obras de rehabilitación enerxética e integral na provincia de Lugo, dentro das oito previstas en toda Galicia. En concreto, os centros obxecto desta actuación na provincia lucense serán o CEIP Luís Pimentel de Lugo e o CPI Ramón Piñeiro de Láncara.

No acto o conselleiro estivo acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro; do secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén; do director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; e do director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, entre outros.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

5 × cuatro =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.