Derradeira leición para manipular. Por @DulceCorcu

A chegada a Galicia do cadro de Castelao “A derradeira leición do mestre” para ser exposto por primeira vez fóra do exilio arxentino do autor, foi a ocasión perfecta para que o presidente da Xunta, na recepción obrigada co resto do Parlamente galego, amosase de novo esa facilidade que ten para a invectiva e a fábula, adaptadas sempre ao que quixera que fose pero non ao que realmente é. Enténdese en parte que louvar a Castelao non lle resulte doado nin atope as palabras, pois non poden estar máis afastados ideolóxica e políticamente, pero abraia que teña a desfachatez de dicir que a que el goberna é a Galicia soñada de Castelao. Así, sen temor a que se revolva no cadaleito ou a que haxa quen se abra as veas só con escoitalo dicir tales cousas.

O cadro amosa a represión da ditadura, sufrida en carne propia polo propio Castelao, exiliado para sempre cando Franco tomou o poder e levou por diante a todo canto non fose español e mucho español. Porque aínda que o tempo pasa, ás veces non o fai tan rápido coma parece, polo menos nalgunhas nostálxicas mentalidades. Feijoo non se molestou en entrar nesas lerias; para el o cadro amosa o fanatismo deses radicais que non queren someterse ás leis de Dios e dos homes que os seus elixan. Coma ese tal Alexandre Bóveda que realmente din que é o inspirador do cadro, asasinado en pleno estoupido da guerra en 1936 e mestre de profesión nalgún tempo da súa vida. Castelao pretendía reflectir o abocamente do fascismo a extinguir todo o que supuxese educación e cultura, eidos sempre perigosos para ditadores e represores. Que o saber no ocupa lugar pero sí pode dar lugar a que algunha cabeza bote conta de que iso da “liberdade” é algo distinto a que che obriguen a misa diaria ou a ir “pasearte” por cemiterios en horas intempestivas. Alberto Núñez Feijoo non estaba por reabrir feridas, que é cousa de axitadores e dos que buscan reescribir a Historia. En cambio, desfíxose en facernos crer o orgulloso que estaría Castelao do actual Ensino galego, onde na etapa infantil o idioma polo que tanto loitou o de Rianxo é inexistente e, na Primaria e Secundaria, meramente residual. Podería pasearse por moitos recreos onde non se escoitase unha soa palabra en língua galega. Exactamente o soñado por Castelao, dende logo. Feijoo tamén presumíu de autogoberno, aínda que nada dixo de estar supeditado a Madrid. De que lle dicten alí o que precisamos ou o que merecemos. Tan independentes autonómicamente que todos os seus deputados no Parlamento español votaron a favor dunha proposta de lei de Ciudadanos que aboga por eliminar nocións de galego á funcionarios públicos que queiran traballar na nosa Comunidade. Menudo disparate iso de ser galego ou galega e querer que che atendan na língua que levas toda a vida falando. É ben doado imaxinarse a Castelao entendendo perfectamente os argumentos do señor Toni Cantó  -impulsor do proxecto.- e votando a carón dos deputados do PP, comprensivo ante o feito de que o castelán esté desaparecido en Galicia.
Feijoo nin mencionou o asasinato de Bóveda nin se molestou en lembrar as circunstancias de Castelao, o motivo polo que unha obra como a chegada agora para ser exposta na Cidade da Cultura e moitas outras están en Bos Aires e non aquí, no seu país. O exilio, bueno….marcho que teño que marchar. Sónche cousas de galegos, igual que cando emigraban, que agora sabemos que o facían por ese espirítu aventureiro innato que temos e por “mobilidade exterior”. Se Feijoo rematase a súa intervención institucional sobre “A derradeira leición do mestre” cun “Que os jodan!”, parafraseando a certa ilustre compañeira súa, sería o único ao que poder conceder visos de credibilidade en toda a intervención. Queda para outra.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

14 − 1 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.