O Goberno do PP investiu máis dun millón de euros nos centros penitenciarios da provincia de Lugo

Os populares lucenses destacan o investimento do Goberno de Mariano Rajoy de máis dun millón de euros (1.009.856,09 euros) nos centros penitenciarios da provincia entre os anos 2011 e 2017. As achegas corresponden ás actuacións de mellora, mantemento e reformas realizadas nos centros de Bonxe e Monterroso tal e como indican os deputados no Congreso, Jaime de Olano  e Joaquín García Díez.

Concretamente, ao primeiro centro o Goberno dirixiu neste período un total de 683.768,2 euros para a instalación de calefacción en oficinas e corpos de garda, a mellora do sistema nas vivendas dos funcionarios, a instalación dun colector de saneamento, a adecuación de instalacións de gas na cociña, a conservación e reparación da instalación da auga na planta baixa no módulo de enfermería e da depuradora de augas residuais, o alumeado, acondicionamento e saneamento da zona exterior, ademais da reparación da concertina; entre outras obras de reforma coma as dos falsos teitos.

Pola súa banda, o centro penitenciario de Monterroso recibiu 326.087,89 euros no período do 2011 ao 2017 para a cubrición da instalación xeral de calefacción, a reforma de acometida de auga, a adaptación dun módulo para a apertura dunha unidade terapéutica educativa (UTE), operacións de mantemento e conservación das fachadas dos pavillóns, as vivendas dos funcionarios e da oficina de área mixta, a adecuación dun patio e a construción de aparcamento para as visitas; ademais de distintas obras de reparación.

“Esixentes” co esforzo inversor na provincia

Tralo esforzo inversor do Goberno popular para o mantemento e mellora das prisións lucenses, dende o Partido Popular aseguran que “seremos esixentes co Goberno do PSOE para que, cando menos, manteña o investimento nestes centros da nosa provincia”.

Programas de tratamento

O centro de Bonxe incrementou os programas específicos de tratamento dende os 11 desenvoltos no 2011 ata os 20 rexistrados no 2016 e no 2017 entre os que se atopan os de atención integral a enfermos mentais, atención a drogodependentes e a persoas con VIH, distintos programas de inserción social e laboral, atención integral a mulleres reclusas, intervención sobre agresións sexuais ou os programas de animación á lectura.

En Monterroso, tamén se desenvolveron un mínimo de 15 programas específicos chegando ata os 18 no ano 2014. Neste caso, ademais dos anteriores, tamén se implantaron talleres de agro, teatro, musicoterapia ou de emocións e control da agresión.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

tres + 6 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.