O oficio de ser rico. Por @DulceCorcu

Contra o que poidades pensar, a ser rico tamén se aprende. E ata poida que se convirta en asignatura dalgúns colexios para ricos, pero financiados en gran parte polos pobres a través dos seus impostos pagados relixiosamente, nunca mellor dito. Porque nun colexio da orde dos Salesianos, eses mesmos que fan voto de castidade, obediencia e pobreza, vense de proxectar un vídeo para estudantes de Secundaria -entre 12 e 16 anos- onde basan o triunfo na vida non no esforzo persoal, no estudo ou no coñecemento como debería corresponder a calquer centro de ensinanza, senón en chegar a rico. E para iso, di o vídeo, o primeiro é deixarte de aspirar a títulos e másteres que non serven para nada máis que adornar enriba da mesa do comedor da túa nai. O principal é comportarse coma se xa foses rico. E o milagre estará servido, que para algo estamos nun colexio que se rixe pola lei de deus.

Non se entende que haxa tanto pobre de solemnidade co doado que parece deixar de selo. Porque abonda coa actitude, con non deixarse asaltar polas dúbidas ou eludir riscos, mediocridades que definen a calquer pobretón. Que mellor hora que a do rezo matutino para impartir entre o alumnado a crenza de que o éxito só se mide pola riqueza atesourada a nivel material. A riqueza da alma son cousas que inventan os curas para andar pedichando aos pobres, pero despois a todos nos gusta ter unha boa billeteira, engordada se pode ser estando exento de pagar tributos que só corresponden a eses que sempre van pola vida con medo, contando os pasos que dan, titubeantes ante os cambios e que non deixan de dar voltas ás cousas en vez de lanzarse sobre elas sen máis. Os pobres, claro. Eses infraseres que só viven para fracasar unha vez tras outra. Que se empeñan en estudar cando a única preparación que se precisa de verdade é a de ter mentalidade de rico. Mentres o pobre estuda, o rico xa foi e vén de volta tres ou catro veces, polo que resulta evidente que se aínda non saíste de pobre, é porque non gastas costumes de millonario, que finalmente é a pócima máxica que marcará a senda do triunfo. Di o vídeo tamén que por fóra podemos parecer iguais, vestidos con roupas similares e igual de guapos ou feos, pero a diferenza fundamental reside nas posesións: o mindundi terá un porquiño para ir enchendo cos céntimos que sobran da compra, e o rico terá unha moto de gran cilindrada. Non hai color, por suposto.
Resulta incrible que haxa gobernos que permitan financiar con cartos públicos este tipo de colexios onde a igualdade parece algo pecaminoso. Elitismos paletos que financiamos mentres a ensinanza pública perde persoal e recursos, e afoga nun mar de abandono e desleixo. Vilipendiada inclusive en Comunidades Autónomas con idioma propio que consideran unha ferramenta perigosa e subversiva. Non así este tipo de actitudes que tentan introducir nos nenos e nenas unha especie de apartheid onde o único que rixa sega a ser o “tanto tes, tanto vales”. Só apto para ricos.

También te puede interesar...

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

3 × 5 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.