Y bailaré sobre tu tumba. Por @DulceCorcu

Na que non faltarán frores, esquéceulles engadir aos de Siniestro Total, nunha das súas cancións máis coñecidas e da que acabamos de ver unha nova versión no recente pleno do Goberno da Coruña, no que o seu alcalde, Xulio Ferreiro, trataba de escusarse por un malentendido cos operarios da limpeza que “varreron” literalmente a alfombra adicada á virxe do Rosario pouco antes de que os fieis procesionasen, cando o único que se lles requeríra era limpar o desperdicio sobrante.  Sen dúbida algo lamentable, pois ese tipo de cousas son laboriosas de facer e precisan tempo e dedicación, polo que non resulta difícil de entender o mal trago do alcalde ante tal situación. Pero Xulio Ferreiro é un roxo podemita galegofalante, que non vai ás ofrendas florais nin bica aneis de bispos engalanados con roupaxes que custan o mesmo que dar de comer a un colexio enteiro. Asi que a ver quen se cre iso de que foi sen querer, por máis que sexa o mesmo Concello rexido por Ferreiro o que outorga unha subvención de 8.000 euros á asociación Faro de Monte Alto, organizadora dos actos que se estaban a celebrar. O seu presidente, Antonio Gómez Bellón, atopa que todo é unha conspiración contra os bos cristiáns, un claro intento de ofender os sentimentos relixiosos coma se dun Willy Toledo calquera se tratase. Que o primeiro que se pega sempre é o malo.

As tribunas do pleno coruñés acollían aos agraviados pola varredura da alfombra, que se supón ían escoitar as explicacións do alcalde e as pertinentes desculpas, pero non houbo lugar. Insultos, berros e, no paroxismo da exaltación cristiá, lanzamento de frores por parte dunha asistente coa mensaxe de que eran “para a tumba” do alcalde. Toda piedade. O doado que é predicar a palabra de Dios e o difícil que é poñela en práctica, porque o do perdón vén nas escrituras, e o de apiadarse dos semellantes, tamén. Pero igual o día que deron esa lección a boa señora non fora ó catecismo. Idílico retrato igualmente as frores nos escanos da bancada do Partido Popular, en solidariedade cos afectados pola barbarie floral. Non deixa de ser resultar curioso o natural que lles parece ese xesto, e o incongruente e ofensivo que ven, sen embargo, que no Parlament catalán os compañeiros dos políticos encarcelados poñan un lazo amarelo onde eles poñen a flor, tamén en solidariedade coa causa que eles consideran xusta. Folga dicir canto lles molesta iso aos señores e compañeiros da flor no escano, coma se un lazo amarelo fose perigoso en si mesmo ou alguén lles fose tirar un diante dos morros para convidalo a que adorne a súa tumba.
Solidariamente na bancada do PP todo eran risas e apupos para que os espectadores das tribunas seguisen cos improperios e a chabacana actuación coa que deleitaron á concurrencia. Comodísimos recreando a Santa Inquisición, queimando ao pecador na pira do acoso e derrubo. No inferno prometido no seu día polo presidente provincial do PP nun medio público. Porque así conciben o cristianismo, na condea explícita a todo aquel que comulgue con outras ideas e posicións que non sexan as súas. A crucifixión mediática diaria neses medios que se alimentan exclusivamente para iso, a chanza cando falas e vistes coma un pailán, que respecto lle van ter a quen non vestíu un traxe, aínda que sexa regalado por servizos prestados, na súa vida. Á xente o que lle importa é verche na igrexa o día do Patrón ou Patroa, ou con cara de flaxelado en Semana Santa e, por suposto, sentando a un pobre na mesa polo Nadal. Como fixo a xente decente toda a vida. As leises de Dios están para ser respectadas. Aínda que non todas necesariamente: a sétima é opcional. Non roubarás, xa sabedes. Tan difícil de poñer en práctica ou máis que a caridade e a piedade.
Foto Nós Televisión

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

uno × dos =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.