O BNG convoca concentracións nas sete cidades en protesta pola sentenza do Tribunal Supremo

O BNG convoca concentracións nas sete grandes cidades de Galiza para este xoves 8 de novembro e insta ao conxunto da cidadanía a saír á rúa para mostrar o rexeitamento contra a decisión do Tribunal Supremo que, nun xiro esperpéntico, muda de criterio posicionándose a favor da banca e en contra das persoas, cargando sobre elas os gastos xurídicos de formalización da hipoteca

A formación nacionalista aposta por unha mobilización masiva contra esta falcatruada xurídica se precedentes en contra da maioría social, que evidencia a baixa calidade democrática do Estado español e até que punto a xustiza está supeditada ao poder do capital, verdadeiro poder que xa nin se molesta en disimular a súa capacidade de torcer sentenzas xurídicas ao máis alto nivel.

Unha vez máis, a banca logra impoñer o seu criterio a costa dos millóns de persoas hipotecadas no que ben pode ser interpretado como unha nova modalidade de estafa aos usuarios e usuarias, logrando torcer unha sentenza xurídica que cualificaba de abusiva a cláusula da Lei hipotecaria que obriga á persoa que pide unha hipoteca asumir o imposto de actos xurídicos documentados.

O BNG lembra outras estafas bancarias recentes, como a das preferentes e subordinadas, que motivou unha mobilización social exemplar, contundente e constante por parte da sociedade galega, logrando a recuperación da maior parte do diñeiro estafado. Por iso, a formación nacionalista insta a responder na rúa con contundencia a decisión do Tribunal Supremo a favor da banca e en contra das persoas hipotecadas.

As concentracións terán lugar este xoves 8 de novembro nas sete grandes cidades galegas ás 20.00 no lugar que se determine en cada unha das urbes do país.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

tres + diecisiete =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.