O goberno municipal de Ponteceso xestiona na Xunta os investimentos precisos para o despegue económico do concello

O alcalde e a concelleira de Servizos Sociais mantiveron unha reunión co presidente de Portos de Galicia, que se comprometeu a visitar Corme este mes para comprobar as necesidades presentadas

O equipo de goberno de Ponteceso continúa co maratón de xuntanzas a nivel autonómico e estatal co obxectivo de conseguir investimentos e que as institucións coñezan a realidade socioeconómica do noso concello.

A concelleira de Medios Produtivos, Susana Toja, e o alcalde, Lois García Carballido, reuníronse onte co presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, no seu despacho de Santiago para pedirlle melloras substanciais no porto de Corme, tanto para o sector profesional, mariñeiros/as e mariscadores/as, coma para o da náutica deportiva. A grúa, os pantaláns e o plan de usos do porto de Corme foron algunhas das necesidades sobre as que xirou a conversa. O presidente de Portos comprometeuse a visitar o noso porto e reunirse coa nova directiva da confraría de Corme, que preside Roberto Vidal Pombo.

Segundo José Juan Durán, é a Consellería do Mar e non Portos o organismo que licita as grúas con cargo ao fondo europeo de pesca. O vindeiro martes, 13 de novembro, alcalde e a concelleira de Medios Produtivos teñen concertada unha reunión coa conselleira do Mar, Rosa Quintana, en San Caetano, e a primeira solicitude que lle van trasladar é a licitación urxente dunha nova grúa para o porto de Corme.

Con respecto ao plan de usos, o presidente de Portos xa se comprometera nunha reunión anterior a contratar a súa redacción neste ano. O alcalde e a concelleira insistiron na necesidade de elaborar o plan para abordar coa Xunta investimentos e  melloras en infraestruturas coma a mellora do acceso ao porto.

Os representantes do Concello pedíronlle tamén atención ás infraestruturas viarias e ao muro do espaldón da mariña para mellorar o seu estado, e evitar as pozas de auga nas vías.

Por outra banda, o presidente de Portos asegurou que se se acredita a demanda estaría disposto a estudar a instalación de máis pantaláns. Tamén se comprometeu a pedir un informe aos técnicos sobre os restos do parque de bateas.

Finalmente, alcalde e concelleira agradeceron o anuncio da visita antes de que acabe o mes á confraría e o porto de Corme para manter unha reunión de traballo coa nova directiva e ver as necesidades.

Unha hora con Alfonso Rueda

Despois da reunión en Fontiñas, o alcalde mantivo unha reunión dunha hora en San Caetano co patrono da Fundación Pondal e vicepresidente da Xunta. O busto de Pondal dos Premios Bos e Xenerosos atopábase exposto no despacho nun lugar ben destacado, algo que puxo en valor Lois García, quen aproveitou para convidar a Alfonso Rueda ao acto que vai celebrar o Concello de Ponteceso o 20 de decembro para conmemorar o 101 aniversario da estrea do Himno de Galicia na Habana. Esta homenaxe, que o Concello instaurará con periodicidade anual, é consecuencia dunha moción do BNG que defendeu o concelleiro Carlos Penedo e que contou co apoio unánime do pleno.

Por outra banda, o Alcalde pediulle ao vicepresidente que lle transmita ao presidente Feijóo a preocupación do goberno municipal pola ausencia de investimentos finalistas para Ponteceso nos orzamentos da Xunta durante os tres últimos anos. Tamén lle explicou as necesidades de investimento para dotar de calidade aos servizos públicos, mellorando os recursos dispoñibles, sen necesidade de investir en grandes obras nin edificios innecesarios. O alcalde referiuse ao parque empresarial, ao lenta que é a conexión por estrada con Santiago e o sur de Galicia e á posición desfavorable do noso concello se ollamos aos niveis de renda e a evolución demográfica.

O vicepresidente tomou nota e explicou as liñas posibles de investimento, que prometeu estudiar con detemento. Tamén se falou da continuidade do GES, que prometeu que ía chegar moito antes do que o fixo hai tres anos, e das dotacións para os servizos de emerxencia e protección civil. García Carballido fíxolle saber que o parque móbil da Policía Local de Ponteceso é moi vello e que precisamos dun vehículo todoterreo, para o cal o conselleiro suxeriu usar unha das liñas de subvención.

Finalmente, e para a mellora da atención ás emerxencias, o alcalde entregou a Rueda unha listaxe de equipamentos que o GES de Ponteceso precisaría para atender mellor as emerxencias e os accidentes de tráfico. Lois García Carballido explicoulle os investimentos por máis de 30.000 euros que o Concello de Ponteceso realizou no GES en material e equipos de protección, e en revisar todo o funcionamento, como no caso do equipo de excarceración, que perdía presión hidráulica e foi preciso envialo a unha empresa especializada. A reunión rematou coa entrega do seguinte escrito:

Solicitude de material para a atención ás emerxencias

Tras realizar un inventario do material e equipos que dispón o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Ponteceso, detectouse que carecen de certo material considerado mínimo e esencial para atender unha emerxencia.

Disponse dun equipo de excarceración cunha serie de accesorios básicos que sería preciso completar cos elementos que se detallan a continuación:

  • Soporte de empuxe frontal, soporte de empuxe traseiro e soporte dentado para o cilindro de rescate.
  • Kit de protectores de airbag, que conteña protector de airbag para conductor e acompañante.
  • Cizalla compacta e lixeira para uso en espazos reducidos como nos pedais dun vehículo.
  • Soporte para separador e cizalla.
  • Equipo de tratamento de cristais que inclúa  cortaparabrisas, punteiro percutor, coitela de rescate, láminas de rescate, expendedor de cinta adhesiva e destapizador.
  • Equipamento de cubertas de protección.
  • Equipo de escudo de protección de distinta formas (triángulo y rectángulo de PVC).
  • Sistema de rescate neumático.

O VALOR DESTES ELEMENTOS É DUNS 11.000 EUROS

Ademais do citado anteriormente para atender o rescate dunha persoa o GES debería dispor dos seguintes elementos:

  • Taboleiro espiñal, cas seguintes medidas aproximadas 183x43x1,8 e capacidade portante entre 150 e 200 kg.
  • Padiola de palas.
  • Ferno-Ked para inmobilizar persoas accidentadas.

O VALOR DESTES ELEMENTOS É DUNS 600 EUROS

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

13 − 4 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.