O programa Galicia Rural Emprende da Xunta apoia con 407.000 euros a creación de sete empresas na zona centro de Lugo

O delegado territorial de Lugo mantivo un encontro con beneficiarios destas axudas para poñer de relevo a utilidade dunha iniciativa que busca facer de Galicia “o mellor lugar para emprender”. A Consellería de Economía, Emprego e Industria ofrece apoios directos para a implantación de negocios con achegas cuxa contía vai dos 20.000 aos 70.000 euros

O programa Galicia Rural Emprende posto en marcha pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do IGAPE, apoiará sete novos proxectos empresariais na zona centro da provincia de Lugo promovidos por autónomos e pequenas empresas en sectores non agrarios.

A nivel local, a iniciativa suporá unha achega autonómica de  407.500 euros, que servirán de respaldo para proxectos emprendedores nos concellos de Pol, Cospeito, Meira, Portomarín, Sarria e A Pastoriza -onde se desenvolverán dúas iniciativas-, que suman un importe total de 615.800 euros.

Así o explicou esta mañá o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, nun encontro cun grupo de beneficiarios que participaron na actual convocatoria deste programa de axudas e que, coa súa experiencia práctica, exemplificaron a utilidade deste programa.

“O Goberno galego quere facer da nosa comunidade o mellor lugar para emprender, para impulsar unha nova empresa ou negocio. Entre as ferramentas que a Xunta emprega para este fin están as distintas liñas de axuda, como o programa do que se benefician os emprendedores que hoxe nos acompañan” – dixo Balseiro.

Entre os proxectos emprendedores apoiados figuran dous de servizos forestais en Pol e Meira, dous de servizos agrícolas na Pastoriza, unha vivenda comunitaria en Cospeito, unha empresa de alugueiro de vehículos en Sarria, e un albergue en Portomarín.

Diversos sectores

Entre as actividades industriais subvencionables, todas elas non agrarias, que teñen a consideración de prioritarias nesta liña de axudas ao emprendemento están as de sectores como a artesanía, prestación de servizos sociais (escolas infantís, coidado de persoas maiores), actividades deportivas, recreativas e de lecer, o téxtil, novas tecnoloxías, arquitectura, servizos técnicos, audiovisuais, ou servizos veterinarios, entre outros.

Balseiro explicou que a contía da axuda prevista neste programa vai dos 20.000 euros aos 70.000 euros. Os beneficiarios teñen dereito a obter un anticipo do 60% da axuda total que, no caso da convocatoria que nos ocupa, está previsto facer efectiva neste mes.

Con esta e outras iniciativas, o Goberno galego reafirma o seu compromiso de apoiar aos emprendedores e ás pequenas e medianas empresas, ofrecendo un amplo abano de recursos e instrumentos que melloren as posibilidades de éxito desta iniciativa e a súa consolidación no mercado. Ao mesmo tempo, contribúese así a fixar poboación nas zonas rurais e aumentar as oportunidades dos seus habitantes no eido laboral, xa que logo a ela poden acollerse todos os residentes en todos os concellos lucenses salvo a zona urbana da cidade de Lugo.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

once − siete =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.