Operación Sabela. Por @DulceCorcu

Non é a primeira, pero quizais sí a que con máis naturalidade emprega a língua galega aínda atopándose lonxe de Galicia. Sabela, esa rapaza das Pontes concursante dun “talent show” nunha televisión estatal, ten encandilada a parte da audiencia e a boa parte do noso país, tan acostumado ao desleixo cultural e lingüístico sen necesidade sequera de ter saído das nosas fronteiras. É por iso que Sabela, seguramente sen pretendelo, estase a converter na mellor campaña a prol do galego e da autoestima. Non pasa nada por ser galegofalante, porque che escoiten fóra dos muros da túa casa, porque llo fales ós cativos ou no teu posto de traballo. É o teu idioma. É para iso, para darlle uso.

Cando nas primeiras semanas do concurso a rapaza Sabela víuse na tesitura de escoller un tema co que defender a súa permanencia nesa academia musical, sorprendeu a propios e alleos escollendo unha fermosísima canción de Rosa Cedrón, “Benditas feridas”. Despois da sorpresa inicial e dos debates nas redes sobre se era axeitado ou non, Sabela conseguíu emocionar alén do idioma de cada un, derrochando sensibilidade e bo gusto, que serveron para salvala da queima e mantela no concurso. Pese a todo, o repaso que habitualmente fai o telexornal español das actuacións coidóuse moito de retransmitir a de Sabela, non fose a ser que darlle publicidade contaxiase a alguén. Pero Sabela amosa vivir sen complexo algún, e aproveita calquer momento para arrincarse por Berrogüeto, empuñar a pandeireta ou tentar ensinar palabras en galego ao resto de compañeiros. Son cousas que lles vemos facer habitualmente aos cataláns, sempre coa súa língua na punta da ídem onde sexa que se atopen. Non debería ter nada de especial, pero para un galego é case unha experiencia relixiosa. A língua propia está a desaparecer da ensinanza, non existe en idade infantil, residual nas cidades, vilipendiada por cargos públicos que presumen xusto do contrario aínda que empregala lles vaia no soldo. Deturpada por un presidente da Xunta que a fala cando é menester pero pésimamente, con esa linguaxe de quen a fala por obriga e non por costume. Porque non lle queda outra. Todo o contrario que Sabela, que as Sabelas que a mamaron na casa coma unha herdanza máis e por iso non sinten vergoña do aprendido. Vén dos seus. Canta e fala en galego porque é co que naceu, coma tantos outros galegos ou galegas que agora só sinten desprezo. Que a agochan aos cativos porque total “no sirve para nada”, que os reprenden cando van á aldea e veñen repetindo as palabras dos avós, as mesmas nas que eles e elas foron criados pero que agora non serven, non dan “caché” nesa vila dormitorio onde viven, quizais a só media hora da aldea natal, pero a unha profunda distancia do orgullo de seu.
Sabela demostra que falar galego non fai de menos a ninguén. Nin sequera cantalo nun concurso que ven milleiros de persoas, orgullosa de expandir o seu ADN cultural, de mostralo como un valor engadido, de empregalo precisamente cando ten que dar o mellor de si mesma. Porque que mellor mostra de autenticidade que amosarse coa súa propia identidade: a galega. Por todo iso a operación Sabela está a ser todo un éxito. Non podía ser doutro xeito.
Foto. RTVE

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

15 − 3 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.