Feijóo reedita “o compromiso cunha industria galega versátil, que diversifica, inviste en innovación e que internacionaliza e exporta”

Incide no compromiso da Xunta para impulsar este liderado, dedicando o vindeiro ano un 17% máis de orzamento, ata acadar os 60 millóns de euros, para financiar investimentos empresariais e axudar a que o tecido empresarial galego gañe tamaño

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, reeditou hoxe o compromiso da Xunta cunha industria galega versátil, que diversifica, inviste en innovación e que internacionaliza e exporta. “Imos seguir traballando coa industria galega en sectores estratéxicos como o agroalimentario, a automoción, a pesca, as enerxías renovables ou o téxtil; en sectores como o naval, e, en sectores emerxentes como o biotecnolóxico, o aeroespacial ou mesmo a eólica off-shore”, abundou.

Como proba disto, e durante unha visita ás instalacións de Urovesa, Feijóo referiuse ao rexistro de exportacións destes últimos cinco anos: cando Galicia supera, en 2017, a barreira dos 21.000 millóns de euros; e segue sumando cifras récord ata setembro crecendo o dobre que o conxunto do Estado. E, recordou que o INE ratificou este mesmo mes que o pasado ano, o gasto en I+D na Comunidade medrou máis dun 13 %, acadando case os 571 millóns de euros; “e fomos a segunda onde máis aumentou, crecendo o dobre que a media estatal”, engadiu.

Así mesmo, incidiu no compromiso da Xunta para impulsar este liderado: dedicando o vindeiro ano un 17% máis de orzamento, ata acadar os 60 millóns de euros, para financiar investimentos empresariais e axudar a que o tecido empresarial galego gañe tamaño; fomentando a implantación de nova tecnoloxía, cun orzamento que en 2019 vai acadar os 40 millóns de euros –para investir en dixitalización ou para a Fábrica intelixente-; ou impulsando as exportacións con 11,6 millóns de euros para apoiar a internacionalización de 1.000 empresas galegas nos dous vindeiros anos.

Nesta mesma liña, resaltou as iniciativas para promover un clima favorable ao investimento e á actividade empresarial: reducindo as cargas administrativas coa Lei de implantación empresarial; favorecendo que as Iniciativas empresariais prioritarias poidan tramitarse na metade de tempo; poñendo á disposición 1,5 millóns de metros cadrados de solo industrial; diminuíndo os prezos de compra-venda entre un 30 e 50 % e coa posibilidade constituír dereitos de superficie; ou creando a figura do Concello emprendedor.

Ao longo da visita, Feijóo subliñou a capacidade de Urovesa para diversificarse e traspasar fronteiras, mantendo o obxectivo de que o negocio internacional represente unha media do 70% da súa actividade. Non en van, hoxe os seus vehículos circulan por máis de 25 países.

O seu compromiso coa tecnoloxía e a innovación, xunto á flexibilidade para adaptarse ás demandas do mercado, está permitindo a empresa crecer en diversas vertentes máis alá da militar: no sector civil, empregándose os seus vehículos na loita contra os lumes, ou na flota de ambulancias, por exemplo; ou especializándose tamén en alta tecnoloxía ferroviaria.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

diecinueve + diecinueve =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.