Arbitrando a Costa. Por @DulceCorcu

Ser árbitro, coma ben reflectía un deles nunha recente entrevista, non é algo doado nin oficio que serva para todo o mundo. Supónselles certa habilidade e man esquerda, un mínimo de psicoloxía e moito sangue frío ante as inevitables situacións adversas diante de xogadores ou afeccións. Coñecer o regulamento non se debería nin cuestionar, aínda que á vista de moitos encontros poñen difícil dar iso por certo.

Esta xornada, coma tantas outras na Liga da Costa, aconteceron resultados que non deixaron a todos contentos, actuacións arbitrais cas que determinados equipos non quedaron satisfeitos e, finalmente, os descontentos habituais dunha competición sempre intensa. A diferenza esta fin de semana vén da man dunha polémica que ten coma protagonistas ao presidente dun clube e a un árbitro. O segundo puxo na acta do partido que fora increpado polo primeiro, insultado e atopándose, baixo a súa percepción, presa de “sustancias indeterminadas”, pois non era quen de poñerlles nome. Quizais encantado do seu olfato de sabueso antidrogas, ocupóuse de que eses detalles tivesen difusión pública  sen contrastar antes se a súa intuición era fiable, tan seguro dela que obviou un reparador “presuntamente”, que evitase males maiores. Como consecuencia, o presidente agraviado fixo o único que podía para defenderse: unha análise clínica que aclarase de que ía “posto”. A falta de confirmación escrita, adiantou que todo dera negativo e, con iso, achegóuse ao cuartel da Garda Civil máis próximo para denunciar tamaña intromisión na súa honra. Non é o desenlace habitual, o normal é protestar e patalexar na túa páxina de redes sociais ou no bar cos amigos cando te sintes “atracado” nun partido. Tampouco tes outra opción. Nestas categorías non existen imaxes coma no fútbol de elite, onde voltar a ver a xogada e corroborar se tomaron a decisión acertada ou non. Aquí a acta arbitral vai a misa, nunca se cuestiona. Se hai equipos que fan remontadas épicas no derradeiro minuto, gañan no desconto cando o rival queda con nove ou chóvenlle penaltis coma un maná caído do ceo no seu estadio e sempre co mesmo ou mesmos árbitros, pois xa está. Se os mandan alí non é por nada interesado, seguramente. Detalles sen importancia coma ese de que a Federación Galega teña publicidade nalgúns dos campos da Costa, pero noutros non, aínda que despois saibamos da extrema preocupación e desvelos do seu señor presidente pola competición costeira. Do que non sabemos moito é deses dous millóns de euros que reciben das quinielas e que deberían revertir en baixada de prezos de fichas, balóns e demais artículos de necesidade dos clubes. Moitos en absoluta precariedade á hora de montar equipo, viaxes, etc. Porque iso sí, aquí chófer non ten ninguén.
Abraia que na Delegación da Costa, que organiza o reparto de árbitros cada domingo, fagan da diplomacia unha vía inexistente. Mandar a un señor a un campo onde non hai rival que saia satisfeito da súa actuación e, por enriba, que vén de ter un serio conflito co equipo visitante fai poucas datas, induce a pensar que un dos deportes favoritos en Baio é botar gasolina ó lume. Igual que designar árbitros do mesmo Concello que algún dos equipos que saltan ao terreo de xogo e que, despois de non saber facer o seu traballo e ante as queixas, danse o luxo de insultar aos seus damnificados en redes sociais cunha linguaxe soez, groseira e impropia dun xuíz de nada. Ese é o nivel. Non de todos, por suposto, pero non se poden obviar a eses señores colexiados embriagados de chulería e prepotencia, armados cunhas tarxetas que empregan coma se fosen unha recortada. Certo que teñen moito que aturar nas bancadas, pero non é de recibo que resposten con desprezo aos xogadores que se queixan dunha xogada, coma tampouco é de recibo que se dirixan a outros polo seu nome de pila, coma se fosen xuntos ao colexio. A Costa é pequena e todos nos coñecemos, pero non queda estético nin imparcial dirixirte aos xogadores coma se estiveses botando a partida no bar, sobre todo cando o fas só con un equipo. Nunca vai deixar de haber queixas nin vai chover a gusto de todos….pero hai cousas moi evitables. Un pouco de vontade e de sentidiño, abondarían. Falta querer. Ou non depender doutros intereses, que por certo é algo que ás veces poñen moi difícil de non crer.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

dieciocho − 2 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.