CCOO-Sanidade pide adecuar a clasificación profesional ao nivel de formación

A Federación de Sanidade de Comisións Obreiras pide adecuar a clasificación profesional ao nivel de formación. E a principal reivindicación do sindicato nunha xornada que ten lugar hoxe en Santiago para, precisamente, orientar os profesionais neste sentido. O secretario xeral de CCOO de Galicia, Ramón Sarmiento, coida que a prestación dun servizo básico como é a sanidade «non pode descansar sistematicamente no compromiso vocacional dos seus profesionais».

Asemade, o dirixente sindical instou a Administración a que o emprego público na sanidade volva «estar estreitamente ligado ao emprego de calidade, á estabilidade, ás boas condicións de traballo e a un bo nivel de retribución».

Pola súa parte, o secretario xeral estatal de CCOO-Sanidade, Antonio Cabrera, sinalou que o mundo sanitario «é cada vez máis cambiante, con máis esixencias e máis competencias profesionais». Na súa opinión, a clasificación profesionais que recolle o Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP) «non se adecúa á realidade que estamos a vivir», xa que os profesionais da saúde «teñen máis competencias, fórmanse máis».

Por esta razón, CCOO-Sanidade vai facer unha proposta de nova clasificación profesional, que requirirá a cambios no Estatuto Básico. «Xa enviamos unha carta á ministra de Sanidade, pedindo que se abrise de novo no INCUAL a valoración das competencias profesionais, e o outro día presentamos na mesa xeral un escrito pedindo a necesaria modificación do artigo 76 do EBEP» —referente á clasificación profesional—, sinalou Cabrera.

Programa

A xornada comezou esta mañá cara ás 10:30 cunha mesa redonda sobre a cualificación profesional, que se estenderá aproximadamente ata as 13 horas. Pola tarde haberá outra mesa redonda (de 15:30 a 16:30), neste caso sobre clasificación profesional. A xornada rematará cunha mesa máis (de 16:30 a 18 horas), sobre a adaptación da normativa á realidade, na que intervirán Eva Solla, do grupo parlamentario de En Marea, e Julio Torrado, do grupo parlamentario do PSdeG.

Adaptar a categoría profesional á formación

No ano 2007, o Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP) introduciu unha nova clasificación das categorías profesionais, actualizada coas novas titulacións do Plan Boloña. CCOO-Sanidade leva anos traballando para conseguir a adaptación da categoría profesional dos profesionais sanitarios ao seu nivel de formación, coa consecuente mellora retributiva. Segundo o sindicato, a día de hoxe hai moitas persoas nunha categoría máis baixa da que lle correspondería. Con esta xornada, Comisións quere informar sobre os requisitos que se deben reunir e os pasos que se teñen que dar para solicitar a adecuación.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

tres × cinco =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.