Demasiada Língua

Dúas novas hoxe relacionadas co tema lingüístico están dando que falar, aínda que ambas sexan contrapostas. Na primeira, o señor José Ramón Bauzá, ex presidente balear polo PP, vén de darse de baixa dese partido e da súa acta de senador porque atopa que alí, nas Illes Balears, están a piques de declarar a independencia como en Catalunya e coa connivencia do Partido Popular, convertido agora en extremista e cómplice de extremistas que queren adoctrinar a nenos e nenas a través do Ensino, ofrecéndolles a posibilidade de ser bilingües coma pouco. Que exceso, considera Bauzá, coma se co castelán non abondase para chegar lonxe. A ver logo que idioma falan os grandes empresarios que fixeron ricos a tantos políticos compañeiros do señor Bauzá. Ou eses grandes expoñentes culturais españois que son os toreros, que a ver quen nas súas cabais os imaxina falando un idioma ben para por enriba pedirlles dous ou tres. Non digamos nas cacerías ou nas reunións con volquetes de putas. O de menos aí xa é falar.

José Ramón Bauzá séntese ofendido porque falar catalán nunha Comunidade que o ten recoñecido coma língua oficial constitucionalmente é algo que non hai que ter en conta. O que diga a Constitución só vale se é para enchironar políticos cataláns ou para esas cousiñas de favorecer ós mercados que lles enchen os petos. O resto é puro recheo e tampouco hai que lela enteira. Mentres o ex presidente escribía a súa carta de renuncia de catro folios, e na que básicamente entre liñas o que se le é que en VOX hai vidilla e, por ende, quizais algún xugoso cargo, Mónica Oltra, vicepresidenta da Generalitat Valenciana, visitaba FITUR en Madrid. Ela, tan tranquila, departía con alguén do seu equipo na língua que lle peta, como diría o noso benqueridísimo Celso Emilio, cando foi increpada por un garda de seguridade do recinto que lle pedíu que “deixasen de falar en valenciano”. Así, coma se estivese facendo algo perigoso; regando o chan de minas, por exemplo. Ou cuspindo no stand de Emiratos Árabes; ou mesmo berrando “viva a República” ao paso dos reises, que andaban por alí gañándose a subida de soldo que lles acabamos de agasallar. Coma dixo a propia Mónica Oltra, non deixa de ser unha incongruencia que nunha feira de turismo, con multitude de países e idiomas, haxa quen se sinta agraviado por escoitar falar valenciano. Quizais, só quizais, sexan cousas propiciadas por actitudes como a do señor Bauzá, criminalizando línguas que nunca fixeron outra cousa que enriquecer a quen as fala, e que nunca van en detrimento de ningunha outra. Dicir que as Baleares están a nadiña de acabar como Catalunya é unha pura obscenidade, máxime cando Catalunya non ten ningún problema coa língua precisamente porque alí, a xente coma o señor Bauzá é residual e ten pouco mando en praza. E tamén porque a maioría da súa cidadanía está orgullosa de falar catalán, de sabelo e transmitilo coma levan facendo toda unha vida. Ata que chegan os Bauzás da vida e se sinten molestos porque oe, ou o que falo eu ou nada. E aínda que non sexa catalán nin pinte nada alí, hai que españolizar aos nenos e nenas catalanas porque quen manda aquí, eh?. E quizais, só quizais, o garda de Fitur sexa deses que cren todo o que escoitan ou len na prensa branqueadora. Quizais, tamén, é que non dea para máis.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

3 × cuatro =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.