Feijóo aposta por seguir impulsando a innovación no tecido industrial “que contribúe a que Galicia estea a pechar 2018 cun IPI e cunhas exportacións crecendo o dobre que no resto de España”

Avanza que nos vindeiros meses se convocará a terceira edición do programa Fábrica Intelixente, que forma parte dun completo paquete de axudas para promover a modernización tecnolóxica do tecido empresarial e que mobilizarán 70 millóns

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, garantiu hoxe o compromiso de seguir impulsando a modernización e a innovación do tecido industrial galego que contribúe a que Galicia estea a pechar 2018 cun índice de produción industrial e cunhas exportacións crecendo o dobre que no resto de España.

Durante unha visita ás instalacións do Centro Tecnolóxico de Televés Corporación, Feijóo aseverou que o obxectivo é chegar a todas as pemes para que dispoñan do apoio preciso para dar o salto dixital, indispensable para toda empresa que non queira contar cunha data de caducidade no mercado. E, nesta liña, avanzou que nos vindeiros meses se convocará a terceira edición do programa Fábrica Intelixente, co obxectivo de mobilizar máis de 31 millóns e apoiar proxectos como os que están realizando, grazas ás edicións anteriores: PSA e Copo, en colaboración co CTAG; Televés Corporación; Finsa ou o Grupo Cupa, no sector da lousa.

Máis polo miúdo, precisou como novidade que o orzamento mínimo dos proxectos, que poden ser colectivos, se reducirá de 4 millóns a 2 millóns para que poidan participar máis pemes. Ademais de aumentar o prazo de execución de cada proxecto, que se estenderá ata o 2022, pasando de dous a tres anos.

Así mesmo, lembrou que este programa forma parte dun completo paquete de axudas para promover a modernización tecnolóxica do tecido empresarial e que van mobilizar 70 millóns. “É dicir, para que unhas 600 pemes galegas poidan incorporar as novas tecnoloxías na súa axenda de traballo”, incidiu, ao que recordou que, desde o pasado venres, xa se pode solicitar tamén a liña específica que, a través do Igape, se acaba de convocar para impulsar a dixitalización, dotada con 5 millóns de euros, e co fin de apoiar ata 500 empresas con axudas que cubrirán ata o 30% do investimento que fagan.

O presidente da Xunta afirmou ademais que neste mesmo mes se convocará outra liña de apoio para pemes, tamén no ámbito da dixitalización; unha iniciativa valorada en preto de 9 millóns de euros e que poderá chegar a cubrir ata o 40% do proxecto.

Ao longo da visita, Feijóo destacou a traxectoria de Televés Corporación, unha empresa que aproveitou a transición analóxica a dixital para consolidarse como empresa de referencia no sector; e que, actualmente dá emprego a máis de 700 persoas e conta con 11 filiais en países como Estados Unidos, China, Alemaña ou Emiratos Árabes. “Unha empresa cun marcado carácter innovador, onde máis do 80% dos seus produtos están desenvoltos con tecnoloxía propia e que conta con 75 patentes de invención rexistradas”, dixo, subliñando que está inmersa nun proceso de transformación estrutural para converter a súa infraestrutura na infraestrutura propia dunha fábrica intelixente, dunha fábrica 4.0.

Neste sentido, salientou que Televés Corporación lidera o proxecto gañador da primeira convocatoria do programa de axudas Fábrica Intelixente, no cal a empresa está a investir 23 millóns de euros e que conta cun apoio da Xunta de 5,8 millóns para desenvolver ata 2020, para acadar plantas máis automatizadas e con maior uso das TIC baseadas na Internet das Cousas (loT). E que lle permitirá dar un salto cualitativo nos seus plans de expansión e de diversificación, principalmente, se se ten en conta que xa está a orientar parte da súa liña de negocio cara ao chamado fogar dixital, onde as infraestruturas de telecomunicacións se poñen ao servizo do benestar social ou da eficiencia enerxética.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

12 + veinte =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.