Feijóo ratifica a profunda preocupación ante os PXE 2019 “que discriminan a Galicia e supoñen máis impostos e unha baixada intensa nos investimentos”

Incidiu en que, aínda que sobe o gasto en máis dun 5%, reduce o investimento en Galicia en preto dun 19%

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, ratificou hoxe a profunda preocupación e decepción ante o Proxecto de lei de presupostos xerais do Estado 2019. Considera que non son uns presupostos realistas, van incrementar os impostos das familias galegas e hai unha baixada intensa nos investimentos.

Logo de que o proxecto de lei fose presentado nas Cortes, Feijóo explicou, nun primeiro termo, que as contas xerais prevén un incremento do gasto non financeiro de máis do 5%, que se sustenta nunha previsión de ingresos inverosímil, ao recoller un aumento da recadación fiscal de máis de 20.000 millóns de euros, a pesar de situarse nun contexto de menor crecemento económico e de previsible redución dos beneficios empresariais.

En segundo lugar, o titular da Xunta precisou que os presupostos presentados como sociais, prevén unha suba de impostos indiscriminada e cun impacto directo nas rendas medias e baixas. Así, a pesar de que as propias contas recoñecen certa desaceleración, penalízase a milleiros de cidadáns, autónomos e pequenas e medianas empresas co imposto ao combustible.

Sobre este punto, cómpre subliñar que, tendo en conta que o 85% do combustible que se consume en automoción é diésel, os condutores da Comunidade, por exemplo, e con independencia do seu nivel de renda, pagarán 70 millóns de euros máis ao ano.

O presidente da Xunta incidiu en que, aínda que sobe o gasto en máis dun 5%, reduce o investimento en Galicia en preto dun 19%. En contraste co que acontece noutras comunidades autónomas, como Cataluña, onde o investimento medra un 67%, ou a Comunidade Valenciana, onde sobe un 61%.

Abundou en que estamos ante un orzamento que sitúa Galicia como a comunidade onde máis baixa o investimento do Estado, con arredor de 165 millóns de euros menos que en 2018. “O Ministerio de Fomento ten que refacer claramente o presuposto do Estado“, incidiu.

Nesta mesma liña, subliñou que esa discriminación é máis marcada en cuestión de infraestruturas, xa que o orzamento prevé un aumento importante dos investimentos en obra pública. De feito, o presuposto do Ministerio de Fomento medra en máis dun 23% en termos xerais; e o investimento territorializado sobe máis aínda: un 26%, “case exactamente a mesma porcentaxe que descende en Galicia”.

O presidente da Xunta sinalou que en materia de investimentos, é “un presuposto discriminatorio”. Observou que o Ministerio de Fomento incrementa de forma significativa o importe de practicamente todas as súas liñas de gasto no conxunto do Estado, pero, no entanto, as reduce en Galicia:

GALICIA

ESPAÑA

INVESTIMENTO REGIONALIZABLE

-26,4%

+26,6%

ESTRADAS

-23,6%

+14,1%

FFCC

-29,4%

+42,3%

PORTOS

4,6%

+12,2%

AEROPORTOS

-49,7%

-7,8%

En materia de ferrocarril, Feijóo resaltou que os presupostos conteñen exclusivamente as partidas necesarias para cumprir o calendario de finalización das obras do AVE de conexión coa Meseta e o compromiso de estender a Lugo os beneficios da alta velocidade ferroviaria.

Pola contra, o presidente da Xunta incidiu “no aprazamento sine die da mellora da conectividade Vigo – Ourense e Coruña – Ferrol”. Expresou ademais a preocupación ante o descoñecemento de se estas contas recollen as partidas de gasto: en material rodante de última xeración, os trens Avril, que garantan un funcionamento competitivo en frecuencias e velocidades da liña do AVE a Galicia; e para as estacións intermodais.

En materia de estradas, o presidente da Xunta subliñou que, nun momento en que se anuncian liberacións de peaxe noutros puntos de España e rebaixas de ata o 30% nas autoestradas rescatadas -mentres que Galicia soporta unha escalada inasumible das tarifas da AP-9-, o Goberno reduce a practicamente cero euros o investimento nas planificadas, demandadas e agardadas nesa autoestrada para garantir a súa plena funcionalidade. Obras que, en varios casos, contan con proxectos aprobados e que poderían empezar a executarse xa: Alfonso Molina e Vial 18 na Coruña; enlace Orbital en Santiago; nó de Bombeiros en Pontevedra; e a remodelación do enlace de Buenos Aires en Vigo.

Así mesmo, non se recolle tampouco a supresión da peaxe de Rande, comprometida polo Goberno, nin se prevé tampouco partidas para ningunha das outras obras viarias sinaladas como fundamentais: os novos treitos da Circunvalación de Pontevedra; a nova Autovía Vigo-Porriño; a Autovía da Mariña ou a Autovía Lugo-Ourense.

E mesmo se rompen compromisos expresos. Así: prevense 0 euros en 2019 para Variante Norte de Ourense pese ao compromiso de licitación inmediata; a variante de Ponteareas, para a que existe un convenio de que a constrúe o Ministerio, agora se atribúe á Xunta cunha achega mínima do Estado; e na Autovía Santiago–Lugo, fundamental para o Xacobeo 21, non só non se acurtan os prazos, senón que minoran as partidas previstas.

O presidente da Xunta afirmou que “é o peor investimento desde 2002” e engadiu que “nos preocupa o presuposto do ano 2019 e nos alarma as previsións en materia de investimentos de estradas e de ferrocarril para os anos 2020 e seguintes”. “Imos pedir o que Galicia tiña e non imos admitir que se lle quite o que Galicia xa tiña. Podemos discutir se hai que poñer máis do que tiña. O que non podemos aceptar é que se diminúan os compromisos do Estado con Galicia que estaban comprometidos e solemnizados en presupostos anteriores”, concluíu.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

9 + uno =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.