FeSP-UGT denuncia que as obras na oficina de Correos da Xunta se están a facer co persoal dentro e aberta ao público

FeSP-UGT denuncia a situación que dende a tarde de onte se está a vivir na sucursal que Correos ten no edificio da Xunta en San Caetano. Todo se remonta a hai tres meses cando tivo lugar nesta oficina un conato de incendio. Como consecuencia disto, na tarde de onte achegáronse a esta sucursal un grupo de traballadores que comezou as obras para desmontar as placas do teito. As obras continúan hoxe pola mañá cos traballadores de Correos dentro e coa oficina aberta ao público, cos riscos que isto conleva de que se desprenda calquera peza da obra e poida mancar a alguén.
Para o Sindicato, isto é unha auténtica temeridade e, ademais, denuncia que estas obras estanse a facer sen ningún tipo de coordinación entre a Xunta, a quen pertence o local e quen está a facer as obras, e a dirección de Correos.
A REPRESENTACIÓN LEGAL DOS TRABALLADORES TAMPOUCO FOI INFORMADA
A descoordinación, que pode traer consigo graves consecuencias en materia de seguridade e prevención, chega a tal punto que nin sequera foi avisado o comité de seguridade e saúde e as obras estanse a facer sen a supervisión do equipo de prevención de riscos de Correos.
Por todo isto, o Sindicato pide que se adopten xa as medidas legalmente establecidas para garantir a seguridade nesta obra e preservar a integridade e saúde tanto dos traballadores de Correos como dos usuarios desta oficina.
Asemade, urxe arbitrar as medidas de coordinación que establece a normativa entre os entes concorrentes nesta obra, Xunta e Correos; e se avise e informe á representación legal dos traballadores, como tamén establece a lexislación vixente.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

cuatro − 2 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.